Malia ter conservado a denominación das áreas, o PP está a baleirar de contido a concellaría de igualdade e LGTBI
Ás portas do 25N, Día para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, o BNG de Cabanas denuncia o retroceso do novo goberno de Cabanas (PP) en materia de igualdade, que reduce unha data tan sinalada a unha “cita de axenda”.
O BNG creou a área de igualdade cando entrou no goberno municipal, no 2019, unha concellaría que durante os catro anos de lexislatura “foi referente no desenvolvemento de políticas de igualdade no ámbito local, nun contexto de negacionismo e banalización da violencia machista”, sinalan nun comunicado.
O 25 de novembro reivindicouse nos catro anos nos que o BNG estivo á fronte da área de igualdade desenvolvendo intensos programas de actividades que incluíron obradoiros de bo trato nas persoas maiores; sobre o abuso emocional; de educación afectivo – sexual para crianzas; de empoderamento feminino; de novas masculinidades dirixido a homes; sobre como actuar ante as violencias machistas; sobre o acoso na rúa ou de autodefensa, entre outros, así como diversas conferencias, entre as que destaca o papel da muller na memoria histórica e violencias machistas.
Pola contra, o PP reduciu este ano a conmemoración do 25N a “unha cita de axenda” na páxina web municipal, co anuncio dunha obra teatral “como se fose unha actividade cultural máis”.
“Os Concellos teñen que estar ao carón das súas veciñas para desenvolver políticas de igualdade, facilitándolles os recursos para detectar as violencias machistas co camiño da súa erradicación”, sinalou a concelleira Paula González. “Non vale de nada que o PP manteña o nome das áreas de igualdade e diversidade creadas polo BNG no 2019 se as baleira de contido: vímolo na conmemoración do Orgullo, e vémolo de novo agora”.
Desde o BNG de Cabanas fan un chamamento a participar nas convocatorias do movemento feminista programadas para este sábado 25N ás 12h en varias localidades, entre elas Pontedeume.