Saturday 16 de November de 2024

O Concello reclama á Xunta a urxente reparación do porto de Santa Cruz


Na mesma zona do porto de Santa Cruz na que se afundira un camión municipal no ano 2011 polo mal estado da estrutura do peirao, abriuse un grande oco nunha das paredes que baten contra o mar e que ten pechado o paso neste momento. O Concello reclama á Xunta de Galicia a urxente reparación deste tramo de paseo de titularidade autonómica.

Ante o continuo abandono por parte da Xunta de Galicia desta zona, o Concello leva reclamado desde o ano 2021 a súa cesión, por carecer de activade pesqueira profesional e formar parte do paseo marítimo. Ata o momento non houbo resposta algunha por parte de Portos de Galicia, que segue a desatender o mantemento desta infraestrutura.

“Tamén está habendo problemas moi serios coa Dirección Xeral de Costas. Os ocos no paseo de Santa Cruz, os desprendementos do Parque da Trece Rosas e do Xunqueiro, non queren facer a continuidade do paseo de Beiramar ata Cambre cando estaba previsto…. Todo son negativas a asumir as súas competencias. Se isto segue así teremos que tomar medidas fortes. Haberá que pecharse nalgún Ministerio ou facer algo contundente para denunciar o abandono que se está dando aquí en Oleiros que é inadmisible”, dixo o alcalde Ángel García Seoane.