Saturday 16 de November de 2024

Pedro Blanco enxalza en Brión o papel dos concellos galegos na transformación que impulsa o Goberno en eidos como a transición enerxética ou a dixitalización


Brión recibiu 150.000 euros do Ministerio de Transición Ecolóxica para o cambio a tecnoloxía LED da rede de alumeado público

Brión participa no Plan de Sustentabilidade Turística en Destino ‘Terras de Santiago’ que, cunha axuda de 1,3 millóns de euros do Ministerio de Industria e Turismo, contempla a promoción de novos formatos de turismo gastronómico na comarca

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, sinalou hoxe que concellos como o de Brión “teñen moito que dicir” nas transformacións que impulsa o Goberno en Galicia e en España en eidos como a transición enerxética ou a dixitalización. Fíxoo durante unha visita ao Concello, onde foi recibido polo alcalde, Pablo Lago, na que supervisaron o estado dos investimentos do Goberno na localidade.

Pedro Blanco afirmou que a colaboración cos concellos, como administración máis próxima á cidadanía, “é unha prioridade do Goberno de Pedro Sánchez; foino nas anteriores lexislaturas e vano seguir sendo nos próximos catro anos”, apuntou. De feito, na xuntanza, o delegado tivo ocasión de coñecer tamén as propostas e os proxectos nos que traballa o goberno local e ver a maneira de impulsar desde os distintos ministerios algunha destas iniciativas. Tamén asinou no Libro de Honra do Concello.

Así, Pedro Blanco lembrou que, en materia de transición enerxética o Goberno financiou en Brión o cambio a tecnoloxía led da iluminación pública. Este proxecto recibiu 150.000 euros do Ministerio para a Transición Ecolóxica. O cambio permitiu ao Concello diminuír o seu consumo de luz e, por conseguinte, abaratar a súa factura eléctrica.

No que respecta á dixitalización, o delegado destacou que, co apoio dos fondos do Plan de Recuperación, “que chega a todos e cada un dos concellos galegos”, o Goberno está a completar a dixitalización de Galicia. Faino con iniciativas como o Programa UNICO do Ministerio de Transformación Dixital, do que se beneficia o Concello de Brión.

En concreto, este programa permitirá levar Internet de alta velocidade a través de fibra óptica a 451 familias e empresas do municipio que ata o de agora non dispoñían deste servicio. Telefónica, que foi a adxudicataria na convocatoria de 2021, e vento Vento Rede, que levou as de 2022 e 2023 (a adxudicación desta última aínda é provisional) son as empresas encargadas de acometer estes traballos na provincia da Coruña.

O Concello de Brión tamén se beneficia dun Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) Terras de Santiago, no que se integran outros nove concellos. Este proxecto, que busca potenciar os mercados gastronómicos locais; crear e promocionar novos formatos de turismo gastronómico na comarca e reforzar a oferta de turismo activo, recibe 1,3 millóns de euros do Plan de Recuperación a través do Ministerio de Industria e Turismo e contempla como accións en Brión o reforzo das sendas agrarias do municipio.