Nos vindeiros días finalizará a renovación do pavimento das rúas do Ribeiro e do Albariño, na zona do Lagar. A actuación consiste na fresadura, na reposición do asfalto, marcas viarias e adaptación das tapas de rexistro á nova rasante.
A concelleira das Obras, Patricia Lojo, explica que se acondicionarán así dúas estradas que rexistran unha alta densidade de circulación por se trataren dunha área residencial moi próxima ao núcleo urbano.
Pola súa parte, o alcalde, José Carlos Vidal, indica que se acomete esta intervención no marco dun plan municipal para a mellora das estradas que sexan de titularidade da Administración local, ademais de informar das necesidades detectadas en vías provinciais e autonómicas para que os entes competentes actúen sobre elas.
A empresa Construcciones Anspal S.L. é a encargada da execución das obras por un importe de 39 000 euros, IVE incluído, con cargo ás arcas municipais.