Thursday 21 de November de 2024

Román Rodríguez anima a redescubrir estreita relación de Sorolla con Galicia coa nova exposición do Museo de Belas Artes


— Comisariada por Sonia Martínez, conservadora do Museo Sorolla, encádrase no programa de actividades que conmemoran o centenario do falecemento do pintor

— Reúne case 90 pezas procedentes de fondos propios e institucións como o Museo Sorolla, do Museo de Pontevedra, a Casa Emilia Pardo Bazán ou a Real Academia Galega de Belas Artes

— A escolma, que se poderá ver ata febreiro, retrata o paso do artista por Galicia e a súa relación con persoeiros da época como Concepción Arenal

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, inauguraron hoxe na Coruña xunto co director do Museo Sorolla, Enrique Varela, a exposición Viaxar para pintar. Sorolla en Galicia, o novo proxecto expositivo do Museo de Belas Artes co que a Xunta de Galicia se suma a conmemoración do centenario do falecemento do pintor que se celebra este ano con exposicións, publicacións e outras actividades.
O responsable da Xunta de Galicia destacou a importancia de contar na Coruña con esta mostra e fixo un chamamento a “redescubrir a estreita relación que Joaquín Sorolla tiña con Galicia, unha terra que visitou en numerosas ocasións ao longo da súa vida”. “En lugares como Vigo, Baiona ou Vilagarcía de Arousa aínda hai veciños cuxos avós lles relataron anécdotas e historias vencelladas coa visita deste pintor porque lles deixou unha fonda pegada”, afirmou Román Rodríguez.
Neste senso, o conselleiro salientou que nas súas visitas Sorolla quedou abraiado “pola singularidade e grandeza das nosas paisaxes marítimas e rurais” ata o punto de ter que modificar a súa técnica habitual para poder retratalas. “Os especialistas coinciden en sinalar que a nosa terra, pola súa gran variedade, foi o territorio máis difícil para pintar para Sorolla. Tanto que se viu obrigado a incorporar novos materiais para capturar as paisaxes galegas”, explicou o responsable autonómico de Cultura.
Acuarelas, téxtiles e incluso xoias
A mostra inaugurada hoxe no Museo de Belas Artes da Coruña, nun acto no que tamén estivo o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, está comisariada por Sonia Martínez, conservadora do Museo Sorolla en Madrid e contén preto de 90 pezas entre as que se inclúen óleos, debuxos, acuarelas, téxtiles e incluso xoias elaboradas polo artista e inspiradas nas súas visitas a Galicia. Tal e como explicou Román Rodríguez, trátase dunha escolma que retrata “o paso do pintor pola nosa terra e tamén a relación que tivo con persoeiros da época como Concepción Arenal”. “Isto supón unha oportunidade non só para afondar na relación de Sorolla con Galicia, senón tamén para entender como se estaba a construír a Galicia urbana de comezos de século”, engadiu.

Entidades colaboradoras
Ademais, tamén estarán presentes na mostra algunhas das pezas máis salientables do autor valenciano como La Romería, na que se retrata os xardíns do pazo de Vista Alegre de Vilagarcía de Arousa ou Las lavanderas de Galicia, que se amosou na sede Hispanic Society de Noba York.
Este proxecto, froito da colaboración institucional entre distintos museos e axentes culturais encargados de coidar o legado do artista, poderá contemplarse ata o mes de febreiro e inclúe obras procedentes dos fondos propios do Museo de Belas Artes da Coruña e de institucións como o Museo Sorolla, o Museo de Pontevedra, a Casa Emilia Pardo Bazán ou a Real Academia Galega de Belas Artes.