O Concello de Abegondo e a Deputación da Coruña trataron hoxe as posibles medidas para reforzar a seguridade viaria na DP-0103, en Sarandós. O alcalde, José Antonio Santiso, e a deputada de Vías e Obras do ente provincial, Mónica Rodríguez, abordaron o asunto durante a súa visita ao municipio, solicitada pola corporación municipal. No encontro estiveron presentes o concelleiro de Urbanismo, Infraestruturas e Obras de Abegondo, Alberto Seoane, e o edil de Medio Ambiente e Impulso Demográfico, Gustavo Quindimil, así como varios residentes da zona.
Durante a visita, Santiso incidiu na necesidade de adoptar medidas que reforcen a seguridade para os viandantes e tamén para o tráfico rodado: “trátase dunha demanda que compartimos ou Concello e vos veciños e veciñas”. O rexedor agradeceu “a boa disposición dá deputada,”, que se comprometeu a estudar posibles alternativas para responder a estas demandas.
Melloras
Tal e como explicou o rexedor, esta vía rexistra un importante tránsito peonil: “é moi empregada polas persoas residentes, pero tamén polos peregrinos, xa que un tramo do Camiño Inglés discorre por esta zona”. Para garantir as condicións de seguridade e accesibilidade, o Concello pediu á Deputación a redución do límite de velocidade, baixándoo do 50 km/h actuais ao 30 km/h. Así mesmo, expúxose a execución de pasos de peóns sobreelevados e a mellora das beirarrúas, que se atopan deterioradas e estréitanse nalgúns puntos.
Durante a visita da deputada, o primeiro edil mostrou a súa disposición para cooperar co ente provincial e “conseguir que esta mellora sexa pronto unha realidade”. De feito, Santiso sinalou mostrou a súa cooperación para mesmo involucrar ao Xacobeo nas obras desta estrada, pola que discorren centos de peregrinos ao ano.
Outro dos puntos visitados foi Figueroa. O goberno local aposta por efectuar tamén melloras de seguridade viaria no tramo desde aí ata As Nogueiras, en Montouto.
Así mesmo, o goberno municipal expuxo á Deputación un maior mantemento nas sendas peonís existentes nas vías provinciais.