Tamén haberá os tradicionais certames de panxoliñas, escaparates e postais.
O Concello está a ultimar o contido do programa de eventos e actividades de Nadal, que contará con propostas para todos os públicos desde antes da Noiteboa e ata a Cabalgata dos Reis Magos. Cada ano tamén se convocan concursos con temáticas relacionadas coas festas para animar ao comercio, escolares, asociacións culturais e cidadanía en xeral a xerar o típico ambiente do Nadal.
Neste ano haberá un novo certame co que o Concello premiará ás fachadas, balcóns e xardíns particulares que sexan visibles desde o exterior e estean adornados cos motivos propios do Nadal. Convídase a participar no concurso a todas as vivendas das trece parroquias do termo municipal que conten con espazos desas características e vaian ser decorados nas festas.
Repartiranse 1.200 euros en premios (400, 300 e 200 euros) entre os tres participantes mellor valorados polo xurado e os tres que obteñan máis gústames durante o período de votación na páxina de Facebook do Concello da Laracha (150, 100 e 50 euros).
O sistema de valoración será idéntico ao do concurso de escaparates, que chega á súa 28ª edición. Neste caso poderá inscribirse calquera tipo de establecemento do termo municipal que dispoña de escaparate exterior. A dotación económica dos premios é de 1.800 euros entre os que decida o xurado (500, 400, 300, 200 e 100 euros) e os usuarios de Facebook (150, 100 e 50 euros).
O certame de panxoliñas “María Angeriz Tuset” terá lugar o sábado 30 de decembro a partir das 18:00 horas na Casa da Cultura da Laracha e vai dirixido ás asociacións culturais, coros parroquiais e grupos do municipio. Están establecidas catro categorías de premios dotadas con 300, 250, 200 e 175 euros respectivamente. Todos os grupos teñen garantida, ademais, unha achega de 200 euros polo feito de participar.
E o outro certame clásico de Nadal terá unha modificación destacada este ano porque o concurso de postais, dirixido ao alumnado dos colexios Otero Pedrayo da Laracha, Alfredo Brañas de Paiosaco e CEIP de Caión, amplíase para abrir a participación tamén a todos os escolares de primaria en substitución do concurso de contos que se organizaba exclusivamente para nenos de 5º e 6º. Así, haberá un total de catro categorías de premios (consistente en material didáctico, educativo, xogos e libros) diferenciadas por grupos de idade e que serán decididos polo xurado formado por representantes do Concello e de cada centro de ensino.
As bases dos catro certames e os formularios de inscrición xa están dispoñibles para a súa consulta na web municipal www.alaracha.gal. A única excepción é a do concurso de postais, xa que os traballos deben presentarse a través dos colexios.