· Ao longo da semana levaranse a cabo distintas actividades contra a violencia cara a muller, rematando o propio 25N co acto ‘Voces contra las violencias machistas’
· A primeira cita será mañá, xoves 23, cunha formación para pais e nais sobre a importancia da igualdade e a prevención de conductas machistas no Instituto Pedra da Aguia
No marco do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, o Concello de Camariñas únese á conmemoración do 25 de novembro cunha serie de actividades orientadas a promover a igualdade, a diversidade e a prevención das violencias machistas.
A primeira delas xa tivo lugar no Instituto Pedra da Aguia. Consistiu nunha charla ao alumnado de 2º e 3º da ESO, na que os participantes comprenderon a importancia da igualdade e coñeceron como construír unha sociedade máis xusta e inclusiva.
A próxima actividade tamén terá lugar no instituto e realizarase mañá, xoves, 23 de novembro. Os pais e nais poderán acudir a unha formación na que se fomentará o diálogo aberto e construtivo nas familias.
O venres, 24 de novembro, ás 11 da mañá, celebrarase o Pleno Xuvenil en Igualdade na casa do concello. Os alumnos e alumnas de 6º dos colexios O Areal e Ponte do Porto e os de 2º e 3º da ESO do IES Pedra da Aguia formularán diferentes propostas e demandas. Estas serán en prol de mellorar a igualdade e previr as conductas machistas no territorio municipal, que serán escoitadas pola alcaldesa, Sandra Insua, e polo resto de concelleiros da corporación municipal.
A programación culminará o propio sábado, 25 de novembro, ás 19 horas na Casa de Pedra. O acto ‘Voces contra as violencias machistas’ será un espazo onde se alce a voz contra a violencia á muller. Nel colaborarán o coro Brisas do Mar de Camariñas, o Coro Ategal de Santiago de Compostela e a Coral Polifónica Abraira de Rianxo.
O Concello de Camariñas invita á comunidade a participar nas actividades. Desta maneira, o goberno local reafirma o seu compromiso na construción dunha sociedade máis igualitaria e libre de violencia machista.