Destaca a importancia destas iniciativas para axudar “a fixar poboación no rural”
Pon en valor a aposta do Goberno galego por ofrecer “servizos de primeira categoría” en todo o territorio
Galicia é pioneira en aplicar a gratuidade da atención educativa de 0 a 3 anos, que inclúe as casas niños, o que aforra ás familias galegas 2.000 € de media ao ano
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que a Xunta destinará en 2024 un total de 3 millóns de euros para manter o centenar de casas niño que existen actualmente en Galicia e para ampliar esta oferta a máis concellos. “É un modelo que funciona perfectamente e axuda a fixar poboación no rural”, sinalou durante unha visita a casa niño número 100, que abriu recentemente as súas portas no concello de Vilarmaior (A Coruña).
Na súa visita, na que estivo acompañado pola conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, puxo en valor como este proxecto, que botou a andar como unha experiencia piloto en 2016, está agora consolidado en todo o territorio. O modelo de casas niño -con cinco nenos e nenas de 0-3 anos como máximo- está adaptado ás necesidades reais dos municipios do rural, onde non resultan viables as alternativas tradicionais de atención a primeira infancia.
Durante a súa intervención, Rueda fixo fincapé nas moitas vantaxes que se derivan da posta en marcha destas instalacións. Por unha parte, axudan a fixar poboación, ao dar opcións de conciliación tamén nos concellos máis pequenos e facelos, así, máis atractivos; ao tempo que xeran postos de traballo dos profesionais que as xestionan. “Queremos que a xente quede a vivir nos concellos do rural”, sinalou o presidente, quen asegurou que, para iso, cómpre apostar por ofrecer “servizos de primeira categoría” en todo o territorio.
A Xunta aposta por facer de Galicia o mellor lugar para vivir e por iso, conta con medidas pioneiras de apoio á infancia e as familias como a gratuidade da atención educativa de 0-3 anos -que inclúe tamén as casas niño-, que beneficia a 31.000 familias ás que permite aforrar 2.000 euros de media ao ano.