A concelleira de Educación, Cruz Rivadulla, presentou hoxe xunto a José Fungueiriño, profesor de saxofón do Conservatorio, unha nova edición da Aula Galega de Saxofón, organizada polo Conservatorio Municipal de Ribeira para este curso académico.
“É unha actividade formativa prácticamente única no estado tanto pola súa temporalizade como pola gran relevancia e nivel do seu profesorado.” explicou a concelleira. “Este ano a Aula vai contar con 8 encontros de novembro a xuño con saxofonistas de recoñecemento a nivel nacional e internacional.”
O alumnado usuario da actividade vai dende o grao elemental ata estudantes de superior e profesionais que desexan continuar ou completar a súa formación ou que ven a “Aula” como un método de actualización profesional.
O profesorado previsto para este curso será o será; Xabier Casal (Membro de Fukio Saxophone Quartet e profesor Conservatorio Superior das Illas Baleares), Adrián Pais (profesor do Conservatorio Superior de A Coruña), Xavier Larsson (Membro de Fukio Saxophone Quartet e profesor Conservatorio Superior de Berlín), Miguel Ángel Lorente (profesor en Musikene – Centro de Estudos Superiores do País Vasco), Carlos Ordóñez (Membro da Banda da Guardia Real), Takahiro Mita (pianista acompañante no conservatorio Superior de Música de Aragón) e Roi Barros (luthier, reparación de instrumentos e colaborador da actividade).
Actualmente hai 14 alumnos e alumnas inscritos que chegarán a Ribeira dende lugares como Rianxo, Valga, Vila de Cruces, Coruña, Pontevedra, Santiago, Sanxenxo, Ribadumia e Oviedo.