– Estes apoios contaron con dúas liñas, unha dirixida a concellos nos que haxa parques eólicos e outra a todos os concellos e a mancomunidades ou consorcios locais de Galicia
– A iniciativa púxose en marcha en 2010 para distribuír o canon eólico en beneficio do medio natural e do reequilibrio territorial
O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde de Coristanco, Juan Carlos García, visitou hoxe o concello de Coristanco para supervisar as obras de mellora de alumeado público en Ponte Grande e a Feira Nova, realizadas ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental do ano 2023. Neste senso, apuntou que na comarca de Bergantiños-Costa da Morte, a través desta orde, recibiron axudas os concellos de Cabana de Bergantiños, Camariñas, Cee, Cerceda, Coristanco, Dumbría, A Laracha, Malpica de Bergantiños, Muxía, Ponteceso, Vimianzo e Zas por un importe total de máis de 614.000 euros.
Trenor destacou que “estas axudas son posibles grazas á aprobación, en 2009, da lei pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crea o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental xa que antes os concellos non percibían nada polos muíños de produción de enerxía eléctrica instalados no seu territorio”.
O delegado da Xunta incidiu na importancia da colaboración entre a Xunta e os concellos para levar a cabo actuacións que redunden no benestar da veciñanza. Nesta liña, sinalou que este apoio é fundamental sobre todo nos concellos máis pequenos para que poidan levar a cabo iniciativas que en solitario lles resultaría máis complicado ou non serían posibles.
O representante do Goberno galego lembrou que no 2023 esta liña de axudas estivo dotada con 11,3M€ a prol da protección do medio natural. O Fondo de Compensación Ambiental suma desde a súa posta en marcha, en 2010, un investimento de case 125M€ que os concellos destinan a actuacións de protección do medio ambiente e do espazo natural mediante a execución de infraestruturas, a contratación de persoal e a adquisición de equipamento.
Trenor informou que esta orde distingue dúas liñas de axudas, unha en concorrencia non competitiva, dotada con 6 millóns de euros, e outra en concorrencia competitiva, á que se asignaron en crédito inicial 1,7 millóns de euros. A estas contías sumáronse 3,5 millóns de euros destinados a actuacións específicas de protección do medio, entre as que figuran a prevención, extinción e xestión de situacións de sinistro ou de risco.
A primeira das liñas vai dirixida aos concellos nos que haxa parques eólicos e son posibles grazas á aprobación, en 2009 da lei, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crea o canon eólico. A segunda liña poden solicitala todos os concellos, mancomunidades ou consorcios locais de Galicia, sempre que estean participados por un ou varios concellos. Cada municipio pode presentar ata dúas solicitudes, sempre que unha sexa individual e outra conxunta. Cada unha delas debe corresponderse cun único proxecto, que, no caso das solicitudes individuais de concellos, pode abranguer varias accións.
As accións subvencionables inclúen os investimentos e custos de funcionamento dos servizos municipais dedicados á protección do medio. Entre os obxectivos que deben perseguir figuran a conservación da biodiversidade, o fomento do coñecemento e da utilización recreativa e didáctica dos recursos naturais, e a recuperación do medio natural degradado ou contaminado. Tamén deben impulsar a eficiencia e o uso sustentable das enerxías renovables, e, en xeral a protección do medio natural.
Neste marco, poden acollerse ás axudas as campañas divulgativas, plans e proxectos ambientais, as accións de eficiencia enerxética e de redución da contaminación lumínica, as melloras enerxéticas nas instalacións municipais, e a adquisición de vehículos con distintivo ambiental ou destinados a actuacións a prol da contorna natural. As infraestruturas destinadas á utilización recreativa e didáctica dos recursos naturais, as actuacións a prol da integración paisaxística nos núcleos rurais e os proxectos para evitar a degradación e facilitar o control ambiental no ámbito municipal son outras das iniciativas subvencionables ao abeiro desta convocatoria. A maiores, as axudas cobren tamén os gastos do persoal vinculado á execución das accións subvencionables.