Friday 22 de November de 2024

Puntos violetas e obradoiros participativos nos institutos polo 25-N


Entendendo que tan só con prevención e concienciación de base sobre a violencia de xénero e con educación en igualdade desde idades temperás é posible rematar coa lacra da violencia machista, este ano traballarase directamente cos mozos e mozas nos IES municipais desde hoxe ata o venres. Así, o Concello instalará un Punto Violeta cada día nun centro durante toda a xornada escolar.

Paralelamente realizaranse, ademais, obradoiros participativos co alumnado de 3º, 4º e Bacharelato arredor das violencias sexuais, o consentimento e o porno, co obxectivo de reflexionar arredor destes aspectos e fomentar unha análise e pensamento críticos entre a mocidade.

Os Puntos Violeta son puntos de información, sensibilización e atención das violencias machistas, conformados por un equipo experto de profesionais en materia de xénero e violencias. Nestes Puntos Violeta, tanto o alumnado como o profesorado poderá recibir información sobre os diferentes tipos de violencias; os recursos e servizos especializados na materia, e sobre temas de interese e preocupación en materia de xénero, igualdade e violencias.

Hoxe o Punto Violeta está no IES Miraflores, mañá no IES María Casares e o venres no IES Neira Vilas.