Friday 22 de November de 2024

O Concello de Neda convida á cidadanía a sumarse este venres á “Marcha polo bo trato”


Para participar cómpre anotarse, chamando ao teléfono 981390233

O Concello de Neda anima aos veciños e veciñas do municipio a participar o vindeiro venres, 24 de novembro, na nova edición da súa “Marcha polo bo trato”. Trátase dunha andaina reivindicativa, en repulsa pola violencia de xénero nas súas distintas formas, e en defensa da igualdade real entre homes e mulleres. As persoas interesadas teñen que anotarse na biblioteca municipal (teléfono 981390233).

A marcha, como vén sendo habitual, partirá ás 10.30 h do Paseo marítimo de Xubia, onde se sumará alumando dos centros educativos públicos da localidade (CEIP San Isidro, CEIP de Maciñeira e IES Fernando Esquío), con destino á Casa Consistorial. Neste punto darase lectura ao correspondente manifesto. Despois, os estudantes dirixiranse ata o centro cívico onde realizarán as súas propias intervencións e reflexións sobre a necesidade de seguir loitando contra a violencia cara a muller.

O Concello aposta, unha vez máis, por un percorrido de dificultade baixa, dunha duración estimada de media hora, co ánimo de facilitar a asistencia de todo o mundo que desexe sumarse á iniciativa, encabezada polos escolares nedenses. A proposta forma parte da programación especial deseñada polo Concello con motivo do 25 N, e conta co apoio da Secretaría Xeral de Igualdade e a Deputación da Coruña.