Friday 22 de November de 2024

A mocidade carballesa segue “enregueifándose” cos obradoiros de Lupe Blanco e Josiño da Teixeira


O 12 de xaneiro abrirá o prazo para participar no Certame Enreguéifate 2024

A regueifa segue calando na sociedade carballesa grazas a iniciativas como a Escola da Regueifa do Concello de Carballo, que este venres 24 celebrará unha nova sesión aberta coa colaboración da asociación cultural Nemeth (Espazo Xove da rúa Valle-Inclán, á 19.00 horas), ou como o proxecto Enreguéifate, impulsado polo noso concello xunto cos de Ames, Pontevedra, Santiago e Teo.

O obxectivo non é outro que poñer en valor a regueifa, incentivar a súa práctica e difundila entre a infancia e a mocidade, e para ir avanzando nese camiño desenvólvense accións formativas dirixidas tanto ao profesorado coma ao alumnado. O xoves 16 arrincaron os obradoiros de improvisación oral nos centros escolares, unha iniciativa na que participan os CEIP A Cristina, Canosa-Rus, Xesús San Luís Romero, Gándara-Sofán, Nétoma-Razo e Bergantiños, e os IES Monte Neme e Parga Pondal.

Nestes obradoiros, impartidos por Lupe Blanco e Josiño da Teixeira, trabállase de maneira práctica e dinámica a improvisación oral e a técnica da regueifa desde os valores da igualdade e a diversidade.

Con estas actividades tamén tratamos de impulsar a participación no certame Enreguéifate, que celebrará a súa sétima edición no 2024. O prazo de inscrición estará aberto desde o 12 de xaneiro ata o 1 de marzo, e atoparás toda a información aquí.

Escola de Regueifa
A Concellaría de Normalización Lingüística de Carballo continúa, de xeito paralelo, traballando na formación de regueifeiros e regueifeiras a través da Escola de Regueifa, que no seu primeiro ano de vida conta xa cunha trintena de alumnos/as fixos/as e numerosas entidades colaboradoras. Precisamente este venres 24 (19.00 horas, Espazo Xove da rúa Valle-Inclán) celebrarase unha nova sesión coa cooperación da asociación cultural Nemeth, coma sempre aberta á participación de todas as persoas interesadas, tanto para regueifar coma para escoitar.