Friday 22 de November de 2024

O Kiosko Alfonso acolle unha mostra emocional e persoal sobre as xeracións emigradas do Montserrat


O concelleiro da área de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro, reivindicou a importancia de facer memoria da emigración como parte fundamental da historia de Galicia

O Kiosko Alfonso acolle desde hoxe a exposición As xeracións do Montserrat. Memoria emocional dos emigrantes galegos no Reino Unido, organizada polo Consello da Cultura en colaboración co Concello da Coruña. O concelleiro da área de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro, interveu no acto de apertura da exposición e reivindicou a importancia de facer memoria da emigración como parte fundamental da historia de Galicia. “O porto da Coruña foi o punto de partida e retorno para moitas galegas e galegos. Por iso é tan necesario dar continuidade ao traballo de conservación patrimonial e á recuperación da memoria oral que promoven institucións como o Consello da Cultura Galega” sinalou.

Castro puxo en valor o esforzo e traballo que hai tras a mostra e o valor cultural que achega á Galicia e á cidade. “Hai imaxes e relatos que son fundamentais para comprender a historia da nosa terra. A apertura desta exposición vai en sintonía coas políticas do Concello da Coruña, que tamén ten en marcha diversas iniciativas pola recuperación da memoria histórica”.

A exposición, aberta ate o vindeiro 14 de xaneiro, distribúese nos dous andares do Kiosko Alfonso. No andar baixo localízase unha presentación xeral da emigración galega ao Reino Unido, os buques e a Compañía Transatlántica Española así como diferente documentación particular para reconstruír a memoria emocional dos emigrantes. Tamén contén diferentes maquetas dos buques (localizados na SEPI e Museo Naval), planos dos mesmos, proxeccións audiovisuais etc. En canto ao primeiro andar, ofrécese unha mostra de imaxes de Alberto Martí e Manuel Ferrol, fotógrafos da emigración galega.

A mostra ten como obxectivo poñer o foco na memoria emocional das xeracións do Montserrat, sendo o fío conductor da exposición con testemuños de emigrantes en primeira persoa. Esta visión combínase coa dos traballadores galegos da Compañía Trasatlántica achegando un novo retrato colectivo de época. “A través das diferentes narrativas atopamosunha visión histórica de país desde a súa dimensión máis persoal e que constitúe un documento patrimonial de gran valor para toda Galicia” concluíu.