Friday 22 de November de 2024

30 mozos venecianos visitan A Laracha no marco do programa de intercambio xuvenil organizado polo concello


É a segunda fase do proxecto que permitiu a once mozos laracheses visitar Venecia no pasado verán.

Un grupo de trinta mozos que cursan os seus estudos en Il Polo Tecnico Profesionale de Venezia “Vendramin Corner”, centro de formación profesional desa localidade italiana, visitan hoxe A Laracha no marco do programa de intercambio xuvenil que organiza o Concello e froito do convenio de colaboración entre ambas entidades.

Pola mañá estiveron na Casa da Cultura, onde foron recibidos por unha ampla representación do goberno local encabezada polo alcalde, José Manuel López Varela. Trala proxección dun vídeo sobre o concello da Laracha, a expedición desprazouse ata Caión para coñecer os lugares máis destacados da vila. Despois do xantar está previsto que visiten a cidade da Coruña. Nos próximos días, durante o resto da súa estancia, tamén coñecerán outras localidades galegas.

Esta visita conforma a segunda fase do mesmo programa de intercambio xuvenil que permitiu a once mozos laracheses visitar Venecia no mes de xuño.

É o segundo ano consecutivo no que o Concello colabora con Il Polo Tecnico Profesionale “Vendramin Corner” na organización de programas nos que participan mozos venecianos e laracheses. A pretensión é continuar levando a cabo iniciativas deste tipo en anos vindeiros co obxectivo de contribuír á construción da cidadanía europea facilitando á mocidade oportunidades para coñecer outros países, idiomas e culturas, potenciando a mobilidade xuvenil, tendendo pontes para a cooperación transfonteiriza con outros países e proxectando cara o exterior o concello da Laracha.