O grupo de teatro do IES Brión fará unha performance este venres durante a concentración e lectura do manifesto
Unha charla sobre prevención da violencia e as agresións sexuais abriu a programación especial da campaña “Brión a prol do bo trato”, coa que o Concello de Brión conmemora o Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero. Unha charla dirixida a alumnado de 3º da ESO do IES de Brión e que tivo lugar no centro social polivalente.
Este xoves 23 de novembro, ás 18:45 horas, terá lugar o “Obradoiro ARI (Abrazando a Risa Interior)”, impartido por Baia Fernández, adestradora emocional e da risa. Unha iniciativa de autocoidado para mulleres que busca a saúde e o benestar da persoa a través dunha ferramenta innata en todos os seres humanos: a risa. A sesión terá lugar no centro social polivalente. Aínda hai prazas dispoñibles e de balde en bea@briondixital.org ou chamando ao 981 509 910.
Finalmente, o sábado 24 de novembro ás 12:00 horas terá lugar a tradicional concentración e lectura do manifesto institucional na praza do Concello. Un acto aberto a toda a veciñanza que este ano contará cunha novidade: unha performance do grupo de teatro do IES de Brión, “Teatro das Maniotas”, o primeiro grupo galego que optou e gañou o Premio Buero de Teatro Joven. Un manifesto que tamén será lido o propio 25 de novembro, ás 20:00 horas, ao inicio da obra de teatro “Ám@te”, da asociación cultural O Xeito, enmarcada no Outono Cultural de Brión.
Esta programación está preparada polo Departamento de Servizos Sociais do Concello de Brión en colaboración coa Deputación da Coruña e ao abeiro do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.