“Estamos a nada de poder ver esa circulación de dróns con normalidade, prestando servizos con enorme utilización, aceptación e rendibilidade”, salienta sobre a importancia deste campo de probas de vehículos aéreos non tripulados máis completo do continente
Serán máis de 1.000 metros cadrados nos que empresas, universidades e centros de investigación de todo o mundo poderán testar os seus dispositivos
Resalta o carácter innovador de Galicia que avalan iniciativas como o Polo Aeroespacial ou o feito de ser elixida para acoller a sede da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que Galicia se vai consolidar como referente a nivel europeo na experimentación con drons de cara ao seu uso “máis comercial e masivo” grazas ao novo centro Galaxy Lab da Cidade das TIC da Coruña, que será un dos campos de probas de vehículos aéreos non tripulados máis completos de Europa.
Durante a inauguración deste novo centro, na que estivo acompañado da Conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, o titular do Goberno galego afondou na importancia da innovación nos avances empresariais é tamén como factor clave para que unha sociedade siga medrando. Por estes motivos, considerou unha “oportunidade única” para Galicia apostar por deseñar e producir este tipo de tecnoloxía desde a comunidade para que a sociedade sexa capaz de percibir os avances que supoñen dun xeito concreto.
O Galaxy Lab -financiado ao 50% pola Xunta e polo Instituto Tecnolóxico de Galicia- vai prestar servizo a empresas, campus ou centros de investigación de todo o mundo que precisen experimentar ou testar de forma segura os seus drons para transporte de mercadorías ou persoas. Rueda remarcou que este era un “paso adiante importante” para o emprego desta tecnoloxía dun xeito “máis comercial e masivo”. “Estamos a nada de poder ver esa circulación de dróns con normalidade, prestando servizos con enorme utilización, aceptación e rendibilidade”, asegurou.
Reter e atraer o talento a Galicia
Os seus máis de 1.000 metros cadrados de superficie permitirán realizar adestramentos nun contorno real. E, ademais, como salientou Rueda, este centro vai actuar como tractor para seguir atraendo investimentos tecnolóxicos á comunidade. Ao respecto, o presidente da Xunta puxo en valor o talento que existe en Galicia e defendeu as accións por parte da Administración e das empresas para “retelo ou atraer aos que se foron”. “Non temos que aceptar como normal que todo o talento que temos se teña que ir fóra para poder despregarse”, advertiu. Pola contra, incidiu en que desde a comunidade se poden desenvolver un alto número de proxectos tecnolóxicos.
Puxo en valor neste senso o papel que xoga a Cidade das TIC, que se enmara na aposta desde hai anos da industria galega pola innovación e o deseño de tecnoloxías avanzadas; o ecosistema de innovación ao abeiro do Polo Aeroespacia; ou a “magnífica nova” de que a comunidade fose elixida para acoller a Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial (AESIA).
Consecuentemente, defendeu priorizar investimentos públicos e privados en proxectos tecnolóxicos polo seu “futuro rendible” e os beneficios que xeran, argumentando que sempre resultan ser maiores que a cantidade investida. Por estes motivos, insistiu na aposta tanto da Administración pública como do sector privado pola innovación. “Se Galicia non vai por aí, outros nos adiantarán. E este é o momento de facelo”, concluíu.
Cidade das TIC
O centro Galaxy Lab é a segunda infraestrutura que bota a andar na Cidade das TIC da Coruña, logo de que o pasado mes de outubro se inaugurase o Centro de Servizos Avanzados. Este hub dixital procura situar Galicia como referente neste eido tanto a nivel nacional ou internacional.