Saturday 16 de November de 2024

Unha nova rúa de Santa Cruz levará o nome de Yasser Arafat


O lendario líder palestino Yasser Arafat entrará no honorable nomenclátor que conforman os espazos públicos de Oleiros. Unha nova rúa de Santa Cruz, que conectará a rúa do Souto coa avenida Concepción Arenal, levará o seu nome para dar testemuña da actual onda universal de solidariedade con Gaza, vítima da violencia sionista.

Arafat foi unha das persoas que máis destacou na historia resistente palestina. Morto en estrañas circunstancias en 2004 tras unha vida entregada á liberdade do pobo palestino e que loitou incansable polo recoñecemento de Palestina como Estado. Desde novo foi un home dedicado a combater a cruel inxustiza do imperialismo e a ocupación sionista da súa terra.

No 1948 uniuse á resistencia palestina, oposta a que a súa xente fose expulsada das casas nas que vivían, o gran desastre do pobo palestino que autorizaron e impulsaron os dirixentes europeos. Desde aquela loitou sen tregua pola creación dun Estado capaz de organizarse para facer fronte aos abusos europeos, creando a OLP (Organización para a Liberación de Palestina), entidade que durante moitos anos intentou poñer algo de luz no conflito, internacionalizando a xusta causa do seu pobo.

Arafat foi un home de paz, artífice dos denominados acordos de Oslo para a resolución do conflito, recoñecido co premio Nobel da Paz no 1994. As constantes conquistas de Israel co apoio europeo e estadounidense e a inoperancia da ONU deron ao traste co seu soño de normalizar a vida en paz dese lugar do mundo no que hai máis de 2.000 anos fraguáronse as lendas cristiáns, que chegan ata nós co actual xenocidio en Gaza.

Por todo ese esforzo de loita pola paz, o Concello de Oleiros decide, en solemne e comprometido xesto de admiración pola Resistencia Palestina, realizar esta pequena homenaxe a unha das persoas que máis ten apostado pola paz e a dignidade nesa zona de Oriente Próximo e, en extensión, a todo o pobo palestino.