A Concellaría dos Servizos Sociais da Pobra do Caramiñal pon en marcha pola segunda vez o servizo de atención socioeducativa Espazo nas Escolas, coa colaboración da Asociación Socioeducativa Antonio Gandoy.
Aos seis colexios públicos da infantil e da primaria do curso pasado, incorpórase agora a educación secundaria. Deste xeito, brindaráselles esta prestación ás unitarias do Vilariño, A Granxa e A Angustia; á E.E.I. Fernández Varela; ao CEP Salustiano Rey Eiras; ao CEP Pilar Maestú Sierra e ao IES da Pobra do Caramiñal.
A E.E.I. Fernández Varela foi o centro educativo elixido para efectua-lo anuncio desta nova edición do programa por parte da concelleira dos Servizos Sociais, Amparo Cerecedo, e de Olaia González, psicóloga en representación da referida asociación, quen apuntou que “a valoración é moi positiva”, tanto da comunidade educativa coma do equipo técnico.
No que respecta ao funcionamento, a edil explicou que unha psicóloga fará intervención grupal semanalmente co alumnado, pero tamén haberá a opción de sesións individuais; unha ferramenta que tamén se fai extensible ás súas familias e profesorado. Neste senso, fixo fincapé na “necesidade de non só atende-lo plano académico, senón tamén o psicolóxico e emocional.” Trátase, polo tanto, dun “programa flexible” para lles dar unha resposta eficaz ás necesidades. Por iso, amplíase tanto o radio de acción coma as horas de atención.