Friday 22 de November de 2024

Lage lembra o apoio unánime das institucións coruñesas á Cidade das TIC na apertura do Galaxy Lab, a segunda instalación en funcionamento


José Manuel Lage: “A apertura deste segundo espazo constitúe unha proba máis de que o modelo iniciado pola nosa alcaldesa no 2019 está consolidado e supón unha aposta polo futuro de Galicia”

Pediulle ao presidente da Xunta de Galicia que recupere o proxecto do Ecobarrio de Elviña, elaborado polo propio Instituto Tecnolóxico de Galicia e anunciado no 2019 cun investimento de 33 millóns de euros

O concelleiro da área de Economía e Planificación Urbana, José Manuel Lage, interviu esta mañá no acto de apertura da segunda instalación da Cidade das TIC. O Galaxy Lab, da man do Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), será o maior laboratorio avanzado en intelixencia artificial aplicada a drons. “Hai apenas un mes inaugurabamos o Centro de Servizos Avanzados (CSA), o primeiro edificio co que
comezaba a transformarse en realidade a Cidade das TIC, e hoxe estamos aquí inaugurando a segunda instalación deste grande ecosistema tecnolóxico” explicou Lage.

O Galaxy Lab é unha iniciativa pioneira en Intelixencia Artificial en Europa que se suma á posta en marcha da primeira Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA). Lage sinalou que “a apertura deste segundo espazo constitúe unha proba máis de que o modelo iniciado pola nosa alcaldesa no 2019 está consolidado e supón unha aposta polo futuro de Galicia”.

O concelleiro lembrou o apoio “unánime” das institucións coruñesas á Cidade das TIC, en referencia á Deputación, Universidade e Concello, e posteriormente do Goberno autonómico, froito do diálogo impulsado polo Goberno de Inés Rey. “Quero reivindicalo porque se hoxe abrimos un centro de referencia para a nosa cidade é posible porque antes se abriu unha canle de colaboración necesaria ao tempo que fructífera” explicou. Tamén destacou o compromiso da UDC e Concello, as únicas dúas administracións que formarán parte da Sociedade Pública Xestora da Cidade das TIC e para a que o Concello fixo unha achega municipal de 336.000 euros, o 51% do capital correspondente. Constituirase a partir do 1 de xaneiro do vindeiro ano.

O edil responsable de Economía e Planificación Urbana rematou apelando a un maior compromiso do Goberno galego en materia tecnolóxica. “As iniciativas deben vir acompañadas de políticas á altura que as fagan viables para que se consoliden, deixando de ser só proxectos para se converter nun modelo de país”.

Lage pediulle cooperación ao presidente da Xunta de Galicia para recuperar o proxecto do Ecobarrio de Elviña, elaborado polo propio Instituto Tecnolóxico de Galicia. “O proxecto foi anunciado polo seu Goberno o 2 de agosto do 2019. Estou seguro de que eses 33 millóns de euros do Ecobarrio de Elviña, anunciado fai máis de catro anos, non se perderán e contarán coa colaboración do Instituto Tecnolóxico de Galicia, que fixo un gran traballo”, sinalou. Sobre o proxecto, Lage engadiu que “as administracións temos que estar en condicións de poñer en marcha esa aposta que fixo o Goberno galego” e expresou que o Goberno local agarda “dispor dese investimento na cidade sendo coñecedores de que a colaboración e o diálogo institucional está dando bos froitos”.