― A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, compareceu no Parlamento galego na mesma mañá en que foi aprobada a nova Lei de igualdade e a catro días do 25-N, Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres
― Destacou que en 2024 se elevará ata os 23,5 M€ o orzamento para a loita contra a violencia de xénero, para a sensibilización colectiva, a formación de profesionais, o fomento do asociacionismo ou da corresponsabilidade, e para axudas económicas e servizos de atención e acompañamento
― Canto á promoción da igualdade, investiranse 27 M€ o ano que vén, repetindo colaboración cos concellos e entidades sociais e con plans novos como o pioneiro por máis de 2,2 millóns que fomentará a presenza feminina en sectores masculinizados
― Da nova lei, destacou que incidirá na erradicación de actitudes machistas e de calquera discriminación na cultura e no deporte, promoverá a creación de espazos urbanos libres de violencia e acoso sexual e reforzará a igualdade no eido dixital
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, compareceu hoxe no Pleno do Parlamento galego para informar sobre igualdade e loita contra a violencia de xénero, no mesmo día no que a Cámara aprobou a nova Lei de igualdade -sen votos en contra- e a catro xornadas do 25-N, Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres.
Sobre a Lei de igualdade, a conselleira sinalou que nace co obxectivo de “garantir a igualdade de xénero en todos os espazos e en todas as esferas da vida”. Segundo apuntou, trátase dunha norma que incidirá na erradicación de actitudes machistas e de calquera tipo de discriminación no eido da cultura e do deporte, nomeadamente no deporte de competición, fomentando actividades deportivas e artísticas inclusivas e igualitarias. Tamén suporá atender a unha maior defensa dos dereitos das mulleres e á visibilización da discriminación múltiple e promover programas municipais para a creación de espazos urbanos libres de violencia e de acoso sexual.
Asemade, no marco da nova lei levaranse a cabo medidas para reforzar a igualdade de xénero no eido dixital, aumentando a protección das mulleres fronte aos ataques sexistas realizados a través de medios tecnolóxicos. Ademais, mellorarase a formación das mulleres e fomentarase o emprego feminino por conta allea, con axudas para a súa contratación e promoción profesional, impulsando a creación de empresas en sectores con infrarrepresentación feminina.
Nese sentido, Rivo quixo aludir ao Plan pioneiro para favorecer a incorporación da muller en sectores masculinizados, ao que se destinarán o ano que vén máis de 2,2 millóns de euros, co obxectivo de implicar ao empresariado para rachar estereotipos e avanzar nunha sociedade máis equitativa.
Loita contra a violencia de xénero
Sobre a loita contra a violencia de xénero, a conselleira enfatizou que é unha responsabilidade colectiva, que debe implicarnos en conxunto de cara á consecución de sociedades máis xustas e igualitarias. Destacou que en 2024 se incrementará un 14,46% con respecto a este ano o orzamento para combater esta lacra, con 23,5 millóns de euros para -primeiramente- continuar habilitando prestacións económicas para as vítimas.
Entre elas, falou das axudas periódicas mensuais -de 200 a 800 euros-, que xa chegaron a máis de 5.800 mulleres nos últimos 14 anos (590 delas no que vai de 2023). Tamén se referiu ás achegas de pagamento único para as mulleres que teñen menos recursos ou maiores dificultades para atopar un emprego, que beneficiaron máis de 1.765 mulleres nos últimos 14 anos (315 no que vai de 2023).
Así mesmo, recordou, as indemnizacións económicas por sentenza xudicial a favor das vítimas ou das persoas a cargo delas, as axudas á mobilidade xeográfica ou as indemnizacións ás fillas ou fillas menores de 30 anos das vítimas mortais por violencia de xénero, así como das gravemente feridas. Tamén as subvencións para a contratación de mulleres que sofren violencia de xénero, no ámbito da colaboración cos concellos e coas entidades sen ánimo de lucro.
Canto aos programas que continuarán en 2024, Elena Rivo puxo de relevo o de atención psicolóxica a mulleres e menores que sofren violencia de xénero, que beneficiou máis dun milleiro de persoas o ano pasado; ou o programa Abramos o círculo de atención psicolóxica a homes con problemas de control da violencia dentro do ámbito familiar, no que participaron 119 homes en 2022. Tamén recordou que hai unha quenda de garda social especializada para as vítimas da violencia machista, dispoñible de xeito permanente en todos os partidos xudiciais de Galicia.
A maiores, a conselleira fixo fincapé na Rede Galega de Acollemento para vítimas de violencia de xénero, explotación sexual ou trata, con sete recursos -como vivendas tuteladas, casas de acollida e centros de emerxencia- aos que se destinará en 2024 case un 12% máis de orzamento ca este ano, tendo en conta que -só no primeiro semestre deste exercicio- se atenderon 156 persoas na Rede (90 mulleres e 66 menores). Cabe destacar neste punto que, ademais, se dirixirán 2,5 millóns de euros á súa rehabilitación.
Na súa comparecencia, a titular de Promoción do Emprego e igualdade non quixo esquecerse das múltiples colaboracións tanto con outras consellerías, como cos concellos galegos, coas universidades públicas ou con diferentes entidades de acción social, ao tempo que demandou ao Goberno central que se unifiquen todos os fondos finalistas para a prevención e loita contra a violencia de xénero e que se faga unha repartición igualitaria. Tamén urxiu a aprobación da Lei integral estatal contra a trata e a explotación sexual.
Promoción da igualdade
Para avanzar na promoción da igualdade, Elena Rivo resaltou que a Xunta investirá 27 millóns de euros en 2024, en colaboración cos concellos e coas organizacións do terceiro sector. No primeiro dos casos, con case 11 millóns de euros a entidades locais para previr a violencia de xénero, promover a igualdade e a conciliación e apoiar os centros de información á muller (CIM). No segundo, aludiu ás axudas a asociacións e entidades de iniciativa social para a atención de mulleres en situación de vulnerabilidade, que desde 2009 beneficiaron un total de 66.450 mulleres (3.800 delas este ano, atendidas por 59 entidades). Así mesmo, Rivo falou das axudas ás distintas organizacións de nais e pais.
Noutro capítulo, a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade referiuse á colaboración co asociacionismo feminino e aos apoios ao movemento asociativo do colectivo LGTBI, que se incrementan -neste caso- máis dun 110% en 2024. Tamén puxo en valor o programa Emega de emprendemento feminino, que o ano que vén distribuirá 4 millóns de euros coa previsión de chegar a 360 axudas e crear ou consolidar máis de 800 empregos femininos.
A nivel estratéxico, Elena Rivo destacou o VIII Plan Estratéxico de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes 2022-2027, dotado con 935 millóns de euros, que ten como obxectivo asegurar o benestar integral das mulleres na súa diversidade. Tamén o III Programa de Muller e Ciencia 2022-2025 -que quintuplica a dotación do anterior ata chegar aos 44,7 millóns- para lograr un sistema galego de ciencia, tecnoloxía e innovación que incorpore o principio da igualdade de oportunidades, diminuíndo a fenda entre homes e mulleres.
Sobre a conciliación, reflexionou sobre que é unha condición imprescindible para garantir a igualdade entre mulleres e homes, que se debe apoiar desde as administracións con medidas transversais e en colaboración con distintos axentes. Fixo alusión, por exemplo, ás axudas para compensar a redución da xornada laboral e fomentar a corresponsabilidade, ás que se destinaron -só entre 2009 e 2021- case 7 millóns de euros en beneficio de máis de 3.000 solicitudes.
Ao abeiro do Plan Corresponsables, nomeou os convenios coas tres federacións de mulleres rurais galegas, o apoio á conciliación con bolsas de coidado profesional para menores de 16 anos ou os programas de lecer en albergues e espazos xuvenís e as actividades sociodeportivas en colaboración con outros departamentos da Xunta.
Así mesmo, a conselleira tamén se referiu ao benestar laboral que se potenciará -entre outras- a través da nova Lei de igualdade ou coas axudas ás empresas para o fomento da responsabilidade social empresarial ou a elaboración de plans de igualdade. Tamén se seguirá impulsando o campus de formación online neste eido e estase a tramitar unha nova certificación galega de excelencia en igualdade para empresas, para recoñecer as súas boas prácticas.
Ademais, a conselleira falou do programa Galicia Emprega, coa liña específica dirixida ás mulleres que mantén a dotación de 7 millóns de euros en 2024, para avanzar na igualdade de oportunidades no ámbito laboral e coa previsión de promover a contratación dunhas 500 mulleres. Tamén do programa de mellora das capacidades dixitais para mulleres residentes no medio rural ou dos programas integrados de emprego exclusivos para mulleres. Ao tempo, recordou, as mulleres son un grupo prioritario no global das políticas activas de emprego.
En definitivia, Elena Rivo amosou o firme compromiso da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, e do conxunto do Goberno galego, por unha “verdadeira igualdade real e efectiva” para unha Galicia que quere vivir e prosperar en tolerancia e sen ningún tipo de discriminación. Unha Galicia “equilibrada en liderado e talentos, que explote ao máximo todos os recursos humanos en todos os ámbitos da vida humana”.