O certame prolongarase ata o 3 de decembro e ofrecerá ata 55 propostas por un prezo de entre 2 e 4 euros
O concelleiro da Área de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro, presentou esta mañá a XIX edición do certame de tapas Picadillo, que se desenvolverá na cidade entre o venres 24 de novembro e o domingo 3 de decembro.
O edil estivo acompañado pola concelleira de Turismo, Hostalaría e Comercio, Diana Cabanas, e Carmen Fernández-Gago Puga (Chau), neta de Picadillo.
“Manuel María Puga y Parga, “Picadillo”, foi un referente en moitos aspectos para esta cidade e o seu receitario continúa a estar vixente a día de hoxe a nivel nacional”, sinalou Gonzalo Castro. O concelleiro ademais lembrou que o próximo ano 2024 cúmprense 150 anos do nacemento de Picadillo e o Goberno de Inés Rey preparará unha programación espacial dedicada a esta efeméride.
Nesta edición participarán un total de 49 establecementos, nos que haberá dispoñibles 55 tapas, das que 23 forman parte da categoría Creativas e 32 do Recetario Picadillo.
Considérase tapa creativa aquelas que empreguen produtos, técnicas de elaboración e presentación innovadoras. Por outra banda, as tapas do Recetario Picadillo teñen que estar inspiradas nas receitas salgadas características de Galicia recollidas na obra ‘La cocina práctica’ de Picadillo. Os prezos das propostas será de 2 a 4 euros.
Un xurado composto por expertos visitará todos os establecementos durante as vindeiras semanas e seleccionará unha tapa de cada categoría, que recibirán un premio de 1.000 euros e un diploma acreditativo. Ademais, o público xeral poderá votar as súas tapas favoritas a través dos códigos QR que estarán dispoñibles nos establecementos participantes. A tapa que obteña a mellor puntuación recibirá o Premio Picadillo Cidade da Coruña, dotado con 500 euros e un diploma acreditativo.
“O Goberno de Inés Rey volve amosar a súa aposta pola mellor gastronomía atlántica e, en especial, da coruñesa, onde ademais das materias primas e o produto de proximidade destaca o talento e a innovación dos seus profesionais”, apuntou Diana Cabanas, que agradeceu a participación dos 49 establecementos presentes nesta edición.
Toda a información sobre os negocios participantes, as tapas e as rutas suxeridas atópase na páxina web www.tapaspicadillo.es, onde tamén se pode descargar o tríptico que se atopará nos locais, na oficina de Turismo da Coruña, nos centros cívicos, nas bibliotecas municipais e en hoteis da cidade.