Friday 22 de November de 2024

A Coruña acenderá o 1 de decembro máis de tres millóns de luces de Nadal nos seus barrios


A praza de María Pita contará cunha pista de xeo e diferentes atraccións para nenos e nenas

A Casa dos Xoguetes volverá promover a economía circular a través da entrega de bonecos e outros xogos infantís en bo estado

A Coruña contará este ano con máis de tres millóns de puntos de luz de Nadal, que se iluminarán a partir do vindeiro venres 1 de decembro, nun acto que terá lugar, como xa é costume, no Obelisco. Haberá nos diferentes barrios e distritos 560 arcos luminosos e toda a iluminación será de baixo consumo.

O acto que terá lugar no Obelisco estará presidido pola alcaldesa, Inés Rey, que destacou a importancia de que “o Nadal se viva coa mesma ilusión e intensidade nos diferentes barrios da cidade”. “Como cada ano, estas son datas de grande ilusión, sobre todo para a mocidade e o noso comercio, polo que animo a cidadanía a facer as súas compras de Nadal en negocios de proximidade”, indicou. As luces distribuiranse por diferentes rúas dos barrios e primarán os espazos comerciais abertos para fomentar as súas vendas. Ademais, A Coruña volverá contar coa grande esfera luminosa de 12 metros de altura da Mariña e coa árbore de 20 metros de altura do Obelisco.

O 1 de decembro o acto de acendido comezará ás 18.30 horas. Previamente, haberá animación infantil no Obelisco e, para rematar, unha actuación de Sisters in the House.

Ademais, o mesmo día comezarán tamén as actividades de Nadal da praza de María Pita, que inclúen este ano unha pista de xeo de 30×20 metros. O seu horario de apertura, que se prolongará ata o 7 de xaneiro, variará en función do período do mes: en período escolar a apertura será, de luns a xoves de 16.45 a 21.30 horas, os venres de 16.45 a 22.15 horas e os sábados, domingos e festivos de 11.00 a 23.00 horas; durante as vacacións de Nadal o horario será, de luns a domingo, de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 23.00 horas e os días 24 e 31 de decembro será de 11.00 a 18.00 horas e o 25 de decembro e o 1 e 6 de xaneiro, de 18.00 a 22.45 horas. As sesións serán de 30 minutos e o prezo xeral será de 9 euros e para centros escolares de 3,5 euros, patíns incluídos.

O resto de actividades de Nadal, que tamén comezarán a partir do vindeiro 1 de decembro, serán anunciadas en próximos días, incluindo opcións para todos os públicos nos diferentes barrios da cidade.

A Casa dos Xoguetes

Por outra banda, o Concello da Coruña, a través da Oficinal Municipal de Información ao Consumidor (OMIC), porá un ano máis en marcha a campaña da Casa dos Xoguetes, unha iniciativa pensada para fomentar o consumo consciente e responsable e darlle unha nova vida a aqueles obxectos en bo estado que non teñen uso.

A oficina, situada no número 9 da praza Mestre Mateo, estará aberta entre o 1 de decembro e o 5 de xaneiro, permitindo a aquelas persoas interesadas entregar xoguetes en bo estado de conservación. Os xoguetes que se recollan terán que cumprir coas normativas europeas para o seu uso e estarán destinados a nenos e nenas de ata 14 anos. Aceptaranse un máximo de 10 xoguetes entregados por usuario ou usuaria.

A campaña levada a cabo polo Goberno de Inés Rey ten como fin contribuír a fomentar un consumo responsable entre a cidadanía, alongando a vida útil dos obxectos dun xeito solidario e desinteresado, que axuda tamén a reducir o volume de residuos xerados na cidade. Os horarios de apertura da Casa dos Xoguetes serán os seguintes: de luns a venres das 10.00 ás 19.00 horas e sábados de 10.00 a 14.00 horas. No tríptico adxunto pódense atopar, ademais, unha serie de actividades para nenos e nenas que se desenvolverán neste espazo.