Moeche sumouse hoxe ao Día Internacional da Infancia celebrando pouco despois do mediodía un pleno infantil ao que asistiu toda a comunidade educativa do CEIP San Ramón, ademais da rapazada implicada no Consello Local da Infancia e a Adolescencia. Durante a sesión, as nenas e nenos volveron reivindicar os seus dereitos expoñendo os traballos que prepararon na clase durante os últimos días.
Por outra banda, representantes do CLIA de Moeche participaron durante a fin de semana no Carballiño no III Encontro de Participación Infantil e Adolescente de Galicia, compartindo tempo cos grupos de Moaña, Tomiño, Ponteareas, Nigrán, Redondela, Castrelo de Miño, Burela, Viveiro, A Coruña, A Laracha e Teo.
Entre as actividades que levaron a cabo destacou o obradoiro de pintura coordinado polo ilustrador Leandro Lamas, do que saiu o mural “Os nosos dereitos, a nosa voz”. O cartel exhibirase o martes 28 de novembro no Parlamento de Galicia, con motivo da sesión na que intervirán representantes de todos os consellos locais da infancia de Galicia.