A Asociación Agroecolóxica A Cortiña está levando a cabo a terceira edición do Outono Agroecolóxico, centrado este ano no desenvolvemento do territorio a través da agroecoloxía e nos posibles camiños para acadar o cambio cara a un modelo produtivo respectuoso co ambiente e sostible tamén desde o punto de vista social. O ciclo de charlas que se está levando a cabo na Casa da Xuventude de San Sadruniño programou para as próximas semanas cinco encontros con persoas expertas na materia que nos achegarán a súa experiencia en distintas iniciativas relacionadas co tema principal do Outono Agroecolóxico, ademais da súa visión sobre cal debe ser o futuro da actividade agrogandeira. Este martes 21 de novembro ás 18:30h teremos a sesión “TerrAlimenta: Sistemas agroalimentarios territorializados”, coa intervención de Raquel Juste Ortega (Red2Red) e de Miguel Teixido Sotelo, de Seitura22.
Nesta segunda charla do ciclo explicarase o programa promovido pola Fundación Daniel & Nina Carasso para axudar aos Grupos de Desenvolvemento Local na implantación sistemas agrolimentarios territoralizados, tamén denominados “canles curtas”, que conectan as pequenas explotacións produtoras coas persoas consumidoras dunha mesma zona.
Un modelo que supón minimizar intermediarios, que incluso fomenta o contacto de ti a ti entre quen cultiva-cría e quen merca os produtos e, en definitiva, un xeito de facer as cousas que contribúe a crear comunidade, a corrixir desequilibrios e a frear o cambio climático.
Raquel Juste e Miguel Teixido contarán tanto os obxectivos que se buscan con este sistema de proximidade -que no deixa de ser a modernización do que se fixo toda a vida- como a maneira en que se está levando á práctica na nosa comarca.
Seguintes charlas do III Outono Agroecolóxico
A próxima cita do Outono Agroecolóxico toca o martes 28 de novembro, tamén ás 18:30h na Casa da Xuventude. Ese día virá até San Sadurniño Jaime Izquierdo Valiña, Comisionado do Reto Demográfico do Goberno de Asturias. A súa ponencia versará sobre como impulsar o rural como medio vivo a partir da cultura labrega e a agroecoloxía, que en ambos casos son sinónimo de sostenibilidade social e ambiental. Vallina é autor de libros como “La casa de mi padre”, “La conservación cultural de la naturaleza” ou “La ciudad agropolitana. La aldea cosmopolita”.
Recentemente publicou “De función pública. Como vai o mundo?”, onde reflexiona sobre a necesidade de que labregas, labregos, gandeiras e gandeiros volvan asumir o papel de coidadores e coidadoras do territorio, en contraposición co modelo ultraliberal que nas últimas décadas arrasou con esa “función pública” que sempre cumpriron.
As dúas seguintes charlas serán por videoconferencia o mércores 29 de novembro e o martes 5 de decembro. O primeiro día falará Laura Megías, da Asociación de Iniciativas Rurais de Catalunya (ARCA), comentando o funcionamento da Rede de Espazos Test Agrarios coa que se fomenta o relevo xeracional nas explotacións agropecuarias. O segundo día, o 5 de decembro, o investigador do CSIC Daniel López García abordará a extensión agraria agroecolóxica.
A última sesión do III Outono Agroecolóxico está prevista para o martes 12 de decembro con Nuria Alonso, da Fundación Entretantos, cunha ponencia sobre o Pacto de Milán e a Rede de Concellos pola Agroecoloxía.
Todos os encontros do ciclo son con entrada gratuíta e non se precisa reserva previa. O III Outono Agroecolóxico encádrase no convenio de colaboración anual subscrito pola Asociación Agroecolóxica A Cortiña e o Concello de San Sadurniño.