A alcaldesa presentou, xunto coa concelleira da área de Benestar Social, Yoya Neira, a campaña e programación de actividades municipais con motivo do 25N
Baixo o lema “Non máis” o Concello da Coruña pon o foco sobre tres cuestións: os asasinatos de mulleres, a loita contra a violencia de control entre os mozos e o perigo da banalización das actitudes machistas
A alcaldesa, Inés Rey, presentou esta mañá a campaña e programación de actividades municipais con motivo do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. A alcaldesa explicou que “o 25N é unha data fundamental na axenda feminista porque non se pon o foco nas mulleres, senón nas violencias que sofren”.
Baixo o lema “Non máis” o Concello da Coruña pon luz sobre tres cuestións: os asasinatos de mulleres, a loita contra a violencia de control entre os mozos e o perigo da banalización das actitudes machistas. Inés Rey: “Os asasinatos son a máxima expresión da violencia en calquera ámbito, tamén no que a machismo se refire, pero non son a única. Hai moitos pasos previos antes de chegar a ese punto, outras violencias que teñen o mesmo xerme” sinalou Rey.
A rexedora tamén alertou sobre a importancia de que os Gobernos das diferentes administracións non sitúen a igualdade como unha cuestión ideolóxica senón de dereitos humanos: “Temos que ser quen de poñer fin á maior pandemia que existe e iso só é posible se todas as administracións tomamos conciencia de que esta é unha cuestión de estado que lle afecta á metade da poboación, que somos as mulleres” explicou. A rexedora estivo acompañada pola concelleira da área de Benestar Social, Yoya Neira, que explicou a serie de actividades programadas.
Programación de actividades
O acto principal será un debate ao redor da película ‘Te doy mis ojos’, no seu 20 aniversario. Ao coloquio asistirá o seu protagonista, Luis Tosar, actor galego de referencia. “Hai 20 anos supuxo unha revolución nas conciencias de todo un país e agora, 20 anos despois, convén reflexionar sobre se o traballo que realizamos neste tempo foi o axeitado, se a sociedade evolucionou na dirección correcta e as ferramentas de loita contra a violencia foron eficaces”, explicou Neira. O debate, no que intervirá a alcaldesa da Coruña así como persoas técnicas en violencia de xénero, terá lugar o próximo día 29, ás 18.30 horas no Auditorio de Afundación. A entrada é libre ata completar capacidade e poderanse descargar as invitacións en ataquilla.com a partir de mañá, 21 de novembro, ás 11.00 horas.
Ademais, o día 24 de novembro ás 11.00 horas arrancará da explanada de Riazor atradicional andaina organizada coas Escolas Deportivas Municipais. Unha vez rematado o percorrido, ás 12.10 horas aproximadamente, formarase un lazo humano e lerase o manifesto solidario.
A campaña do 25N terá como cada ano unha perspectiva educativa con actividades nos centros escolares. Este ano participan nos obradoiros organizados polo Concello un total de 23 colexios, institutos e centros de FP. Unha das actividades programadas é a creación dun punto violeta dentro do propio centro educativo, un taller no que participarán 11 centros públicos, privados e concertados e no que profesorado e alumnado de Bacharelato e FP traballarán de forma colaborativa. “As actividades para os máis novos e novas son as máis importantes para o Concello”, subliñou Neira. “A igualdade, o respecto, as relacións sas e a erradicación de condutas machistas son batallas que hai que gañar desde moi cedo e traballando da man cos pais e educadores”, agregou.
As actividades complétanse con talleres nos espazos municipais de atención á infancia (Canguros Municipais), na Escola Intercultural da Unidade de Asesoramento de Migracións.