Friday 22 de November de 2024

O Concello convoca o Lousame Concilia, servizo de conciliación para crianzas nas vacacións de Nadal, Entroido e Semana Santa


A inscrición deberá formalizarse nos Servizos Sociais de Lousame entre o 21 e o 27 de novembro

O Concello de Lousame abrirá mañá martes 21 de novembro o prazo de inscrición no “Lousame Concilia”, un programa de conciliación familiar que se convoca conxuntamente para os tres próximos períodos de vacacións escolares do ano: Nadal, Entroido e Semana Santa. O Concello de Lousame ofrece 20 prazas en cada convocatoria, mentres que as familias poderán optar por anotarse nun, dous ou nos tres períodos ofertados. As inscricións deberán formalizarse no Rexistro Xeral do Concello de Lousame entre o 21 e o 27 de novembro.

O “Lousame Concilia” é un servizo de canguraxe para nenos e nenas de 3 a 16 anos que ten lugar durante os días laborables dos períodos de vacacións escolares, en horario de 9:30 a 14:30 horas, nas instalacións do CPI Cernadas de Castro. O Concello de Lousame convoca 20 prazas para os próximos tres períodos vacacionais: Nadal (9 días: 22, 26, 27, 28 e 29 de decembro; e 2, 3, 4 e 5 de xaneiro de 2024), Entroido (3 días: 12, 13 e 14 de febreiro de 2024) e Semana Santa (4 días: 25, 26, 27 de marzo e 1 de abril de 2024).

Para anotarse, as familias só terán que cubrir e asinar o correspondente impreso de solicitude (que poden descargar da web do Concello), unha declaración xurada de residencia efectiva e acreditable en Lousame e presentar a última nómina ou recibo de persoas autónomas para acreditar a situación laboral. As familias monoparentais deberán achegar tamén certificado emitido pola Xunta de Galicia. Os ingresos mensuais da unidade familiar non deberán superar os 3.495,96 €/mes (4.020,35 €/mes no caos de familia monoparental ou numerosa).

Así mesmo, dende Servizos Sociais lembran que tamén existe a posibilidade de traer aos pequenos ao “Lousame Concilia” en datas concretas, sempre que queden prazas vacantes. Máis información na Concellería de Igualdade: 981 820 494 ou 689 126 385. “Lousame Concilia” é un programa de conciliación familiar organizado polo Concello de Lousame e cofinanciado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e o Ministerio de Igualdade a través do Plan Corresponsables.