Friday 22 de November de 2024

Fene adquire unha parcela para mellorar a situación do Cádavo e reducir o risco de inundacións


O Concello de Fene adquiriu unha parcela en situación de abandono e con varios requirimentos de limpeza sobre a canle do Río Cádavo, e inicia os traballos de limpeza.

O goberno municipal leva meses reclamando da Demarcación de Costas do Estado e de Augas de Galicia solucións aos reiterados asolagamentos que se producen na unión dos ríos Cádavo e Magalofes

O Concello de Fene vén de adquirir por 20.943,30 € unha parcela en Perlío en situación de abandono, e sobre a cal existían varios requirimentos de limpeza por parte dos servizos municipais que nunca foron atendidos. Esta parcela considérase un punto negro no transcorrer do río Cádavo, e coa súa adquisición o Concello pode non só acceder á mesma, senón tamén proceder ás labores de limpeza, que comezaron esta mesma semana, contribuíndo a reducir en parte os episodios de asolagamento como os producidos o pasado luns.

Nos últimos anos veñen repetíndose as inundacións no punto onde se unen os ríos Cádavo e Magalofes, en Perlío, cando coinciden episodios prolongados de choiva coa suba da marea, os últimos o pasado Nadal e a semana pasada, afectando a áreas cunha alta densidade de poboación e servizos.

Esta situación levou ao goberno municipal de Fene a promover a redacción de varios proxectos e informes para a mellora da situación, que á súa vez o Concello puxo a disposición da Demarcación de Costas do Estado -responsábel do treito final do río tras o cruce da Avenida Marqués de Figueroa- e de Augas de Galicia, organismo con competencias no tramo anterior. Así mesmo, o Concello de Fene tamén tiña detectada unha situación de amoreamento de entullos debido á maleza acumulada sobre o río na parcela agora adquirida e á que, até o de agora, ao permanecer en mans privadas, non era posíbel o acceso.

“A adquisición desta parcela resulta de suma relevancia para o Concello de Fene, porque nos permite acceder á finca e proceder á súa limpeza, o que contribuirá a reducir o risco de inundacións na zona de Perlío”, sinalou o alcalde de Fene, Juventino Trigo e instou ao resto de Administracións implicadas a seguir os pasos do Concello de Fene e “traballar activamente para conseguir que o risco sexa cero”.

A Demarcación de Costas respondeu ao Concello de Fene indicando que nunca actuou na zona, e que tampouco ten programado facelo en próximas datas, mentres que Augas de Galicia continúa sen dar información sobre o estado de desenvolvemento do PEGRI (Plan Especial de Xestión de Riadas e Inundacións), un documento que Juventino Trigo, considera “fundamental para desenvolver un plan de actuacións fronte as inundacións para os próximos seis anos”.

Primeiras actuacións de limpeza

Logo de ter adquirido a parcela, o Concello de Fene iniciou os traballos de limpeza na mesma, que consisten na roza e retirada de toda a masa vexetal sobre o río Cádavo, e baixo unha ponte que une dúas zonas da parcela adquirida. Está previsto que estes traballos continúen nos próximos días.