Saturday 16 de November de 2024

Numerosas actividades municipais de concienciación polo 25-N


Un ano máis, no seu compromiso coa erradicación da violencia de xénero, o Concello de Oleiros pon en marcha accións de sensibilización no marco da conmemoración do 25 de novembro, Día Internacional pola eliminación da violencia contra as mulleres. Se ben é certo que o traballo ten que ser continuo e sostido no tempo para que teña un impacto real, tamén é verdade que as datas sinaladas son palestras de sensibilización e concienciación coas que chegar a un maior número de persoas, completando os labores realizados o resto do ano.

Ao longo desta semana publicarase o manifesto “En pé contra a violencia de xénero”, a través do cal o Concello de Oleiros busca sinalarse, un ano máis, como axente activo na loita contra todas as formas de violencia contra as mulleres. Este manifesto será lido no Pleno ordinario do mes de novembro.
Entendendo que tan só con concienciación de base e con educación en igualdade poderemos rematar con estas violencias, os días 22, 23 e 24 de novembro traballaremos directamente cos e coas adolescentes nos IES municipais, instalando Puntos Violeta nos institutos e desenvolvendo obradoiros arredor das violencias sexuais, o porno e o consentimento.

No mesmo marco de conmemoración, o Concello de Oleiros lanza o distintivo “En pé contra a violencia de xénero” dirixido ao tecido empresarial municipal. Trátase dunha iniciativa que busca unha colaboración directa coas empresas presentes no municipio co obxectivo de implicalas na loita contra o machismo e a promoción da igualdade entre mulleres e homes.

O propio sábado 25 de novembro, o Concello de Oleiros participará na X Andaina contra a Violencia de Xénero, organizada polo Plan Coordinador de Servizos Sociais do Consorcio das Mariñas baixo “Ante a violencia de xénero As Mariñas di Non”, que terá lugar no Concello de Abegondo. A saída realizarase desde a Cidade Deportiva de Abegondo ás 10:30h, lendo o manifesto conxunto, ao remate do recorrido. Procederase tamén, á iluminación do Castelo de Santa Cruz en cor violeta, coa que se busca visibilizar a data de conmemoración.

Pola súa banda, na Casa da Mocidade As Pedras, estará instalada ata o día 30 de novembro a exposición “Chicas Nuevas 24h” da guionista, produtora e directora de cine Mabel Lozano. É unha exposición interactiva, baseada no documental do mesmo nome da directora, que denuncia o negocio da compra e venda de mulleres e nenas para a súa explotación sexual. Mediante unha selección de imaxes obtidas durante a rodaxe do documental en Arxentina, Perú, Colombia, Paraguay e España, a directora recolle e plasma os testemuños das propias mulleres explotadas. Mediante a exposición búscase concienciar, previr e combater a trata de mulleres e nenas, entendendo que para a súa erradicación é fundamental implicar ás novas xeracións de mozos e mozas.