Friday 22 de November de 2024

O BNG pide paralizar a remodelación da praza de Galiza ata resolver as filtracións


A obra tiña que solucionar as filtracións que os propietarios levan padecendo máis de 20 anos, pero agora corre máis auga ca antes

O concello foi condenado debido a defectos de construción e a sentenza xa dicía que a obra non tiña que ter sido recibida

A praza de Galiza do Burgo está en plena obra de remodelación para poñer acabar coas constantes filtracións que sofre desde varios anos atrás, mais a pesar do investimento público que ronda 1.500.000 euros e do traballo realizado, os propietarios denuncian que continúan cos mesmos problemas ou incluso acrecentados, xa que non se puxo solución aos desperfectos.

O BNG pide a paralización xa, ata que se aclaren as causas das filtracións e se lles poña solución. Hai que evitar que se sigan gastando cartos públicos nunha obra defectuosa, antes de que sexa tarde, e que poida dar lugar a máis gastos, como xa sucedeu anteriormente con esta mesma praza, e noutros exemplos, como o da cuberta do parque das Brañas, en Fonteculler.

Hai que lembrar que o Concello de Culleredo foi condenado hai catro anos a remodelar completamente a praza. A sentenza xa dicía que a obra nunca debera ter sido recibida naquel estado. O concello foi responsable polas constantes e graves filtracións de auga nos garaxes do subsolo, debido a defectos de construción na infraestrutura, que data de hai máis de 20 anos e que ocasionou múltiples danos materiais, sobre todo a vehículos estacionados no interior. O goberno municipal iniciou a obra, por fin, en 2023, obrigado pola decisión xudicial pero acompañando de propaganda electoral.

É necesario resolver canto antes o que xa sabemos que está funcionando mal agora para evitar outro dispendio de 1.500.00 euros de cartos públicos (só nesta vez) máis adiante, entre todos e con intereses.