Asegura que a empresa boirense se converteu nun axente impulsor de toda a zona do litoral do Barbanza ao empregar a máis de 2.600 persoas en Galicia e facturar o ano pasado 600 millóns de euros
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou o liderado do sector conserveiro galego, cun aumento das exportacións de máis do 4% ata o mes de novembro. Así o manifestou durante unha visita ás instalacións que o grupo empresarial Jealsa Rianxeira ten en Boiro.
A este respecto, Feijóo sinalou que as exportacións galegas xa superaron os 14.000 millóns de euros de facturación, a cifra máis alta da serie histórica a estas alturas do ano.
Ademais, o titular da Xunta sinalou que a empresa boirense se converteu nun axente impulsor de toda a zona do litoral do Barbanza, ao empregar a máis de 2.600 persoas en Galicia e facturar o ano pasado 600 millóns de euros. Como dixo, é un exemplo de empresa que medra, pero que o fai sabendo perdurar no tempo e mantendo o seu carácter familiar.
Nese sentido, destacou que a empresa incorporou nos últimos anos avances tecnolóxicos tales como o sistema de fácil apertura ou o envase de cartón, e sinalou que na actualidade afronta o importante reto de ampliar a súa factoría, coa construción dunha nave robotizada no porto de Budión, que conta cun presuposto de 20 millóns de euros e foi aprobado polo Consello da Xunta en maio.
Finalmente, o mandatario galego reiterou que a competitividade das empresas conserveiras galegas é indiscutible e sinalou que o éxito de Jealsa se basea en tres elementos clave: na apertura aos mercados exteriores e a aposta polas exportacións; no compromiso con Galicia e o proceso de innovación permanente; e na renovación constante, ao aprender dos erros e non abandonar o camiño que a levou ao éxito.
Líderes no sector conserveiro
Galicia é a principal Comunidade Autónoma española en produción de conservas de peixes e mariscos, representa o 86,2% do volume e o 84,7% do valor monetario do total producido. Ademais, a industria conserveira xera na nosa Comunidade 12.000 postos de traballo directos e supón o 3% do noso PIB.
Por último, Feijóo salientou que a conserva é un dos piares da industria, “industria que tal e como reflicte o IPI medra unha media do 3,7%”, aseverou.