Saturday 16 de November de 2024

Carballo centra os actos do 25N na prevención da violencia sexual e na visibilización das vítimas menores de idade


CANTAS MÁIS TEÑEN QUE FALTAR?

Desde o 1 de xaneiro do 2013, o primeiro ano no que empezaron a contabilizarse e a recoñecerse como tales, 49 menores de idade foron asesinados/as por violencia de xénero en España, segundo os datos do Ministerio de Igualdade. Neste mesmo período, o número de orfos e orfas menores de 18 anos por violencia de xénero foi de 416. O 63,6% das mulleres vítimas de violencia machista sinalan que os seus fillos foron testemuñas do maltrato, case sempre sendo menores de idade. Unicef incide en que os nenos e as nenas fillos de mulleres vítimas de violencia de xénero tamén o son, porque a exposición dos pequenos a ese tipo de situacións provoca efectos similares ao maltrato directo.

Os datos son tráxicos e obrigan a unha reflexión social. Por iso este ano, ademais de lembrar a todas as mulleres vítimas de violencia de xénero, queremos visibilizar aos nenos e nenas que tamén o son. E por ese motivo facemos un chamamento moi especial ás familias, para que acudades á concentración do 25 de novembro cos vosos fillos e fillas. Agardámosvos ás 12.00 horas na Praza do Concello, onde se presentará a campaña deste ano, cuxa mensaxe é: Cantas máis teñen que faltar? (para que a sociedade reaccione contra a violencia de xénero).

Pero este 25N en Carballo tamén queremos centrar o traballo de sensibilización social contra a violencia de xénero na prevención da violencia sexual, que vai en aumento dun xeito alarmante entre a mocidade. Nese aspecto centraremos a declaración institucional do pleno da corporación e tamén as accións formativas que se desenvolverán nos vindeiros días, tanto no obradoiro para profesionais (sanidade, forzas e corpos de seguridade, educadores/as, traballadores/as dos servizos sociais…) que se impartirá o día 20 a educadora social de Médicos do Mundo Raquel Álvarez Vázquez, coma nos talleres para estudantes que se desenvolverán nos institutos Alfredo Brañas e Monte Neme tamén esta próxima semana.

Actividades para toda a sociedade
Ademais destas accións destinadas a colectivos específicos, o programa do 25N en Carballo inclúe actividades de sensibilización e prevención dirixidas a toda a sociedade, como os obradoiros de autodefensa para mulleres que se levaron a cabo os días 3 e 10, o concerto de Verónica Codesal do sábado pasado ou o obradoiro-conferencia sobre Mulleres, música, historia e sociedade que ofrecerá a periodista, escritora, tradutora e conferenciante Patricia Godes o sábado 2 de decembro.

E ademais iniciaremos unha exposición itinerante polos distintos centros sociais con fotografías, debuxos e pinturas de varios/as artistas carballeses/as que expresan a través das súas creacións o rexeitamento da violencia de xénero. As obras de Adriana Suárez Cotelo, Emi de las Heras, Antonio Reino, Mon Lendoiro, Alberto Gende, Alberto Varela Ferreiro e Ana García poderán verse en distintas parroquias a partir do día 25 e ao longo de varios meses.

A iluminación simbólica da casa do concello e da Biblioteca Municipal Rego da Balsa de cor morada, e unha campaña de prevención da violencia de xénero nas rúas completan a proposta da Concellaría de Servizos Sociais, Igualdade e Sanidade.