Monday 25 de November de 2024

O Concello de Carballo avanza no proceso de elaboración da Axenda Urbana coa participación do movemento asociativo


Ao longo da vindeira semana celebraranse cinco xornadas de participación outros tantos grupos de entidades

O Concello de Carballo continúa a traballar na elaboración da Axenda Urbana, un documento estratéxico que persegue o logro da sustentabilidade nas políticas de desenvolvemento urbano e que constitúe un método de traballo e un proceso para todos os actores, públicos e privados, que interveñen nos espazos urbanos e que buscan un desenvolvemento equitativo, xusto e sostible desde os seus distintos campos de actuación.

Despois das sesións de traballo celebradas co persoal técnico dos distintos departamentos municipais e cos grupos políticos da corporación municipal, é o momento de abrir a participación ao movemento asociativo. Ao longo da vindeira semana celebraranse cinco encontros con distintos grupos de entidades coa finalidade de contrastar os desafíos identificados na diagnose inicial da realidade urbana e rural, coñecer as necesidades e aspiracións da cidadanía organizada e as accións prioritarias en cada ámbito de actuación. Unha vez finalizada esta rolda de contactos poranse en común as achegas que realicen os distintos grupos de traballo.

As entidades que non confirmaron a súa asistencia aínda están a tempo de facelo. Este é o calendario de xuntanzas, que se celebrarán no Fórum Carballo:
• Luns, ás 13.00 horas: entidades medioambientais
• Luns, de 16.00 a 18.30 horas: ANPA, asociacións culturais e veciñais
• Luns, de 18.30 a 20.30 horas: entidades sociais
• Xoves, de 16.00 a 18.30 horas: entidades deportivas
• Xoves, de 18.30 a 20.30 horas: entidades empresariais
A Axenda Urbana concíbese como un documento estratéxico que trata de abandeirar unha nova visión do urbanismo. Tras a realización do diagnóstico da realidade urbana e rural, no que se centrou o traballo dos últimos meses, o seguinte paso é a definición dun marco estratéxico estruturado dun decálogo de obxectivos con posibles liñas de actuación. Despois establecerase un sistema de indicadores para realizar a avaliación e o seguimento do cumprimento dos obxectivos, xunto cunhas fichas dos plans de acción para a súa aplicación, e, por último, marcarase un plan de acción con propostas concretas dende o ámbito das competencias municipais.