O PARTIDO POPULAR DENUNCIA A FALTA DE PREVISIÓN DO CONCELLO POLO INEXPLICABLE ATRASO DUNHAS OBRAS QUE SE IBAN A REALIZAR O PASADO VERÁN E QUE AGORA DEIXAN SEN CURSO DE NATACIÓN A NUMEROSOS ESCOLARES
Practicamente sen tempo de resposta, os usuarios do Centro Deportivo de Perillo asisten atónitos ao peche das instalacións debido a unhas obras de mantemento que tiñan que realizarse no verán. Con apenas 48 horas de antelación, os usuarios das instalacións recibiron unha notificación na que se lles comunicaba o inicio dunhas obras na zona de praia da piscina que finalmente se iniciaron o pasado luns, 13 de novembro, coa consecuente suspensión dos cursos de natación “ata que rematen vos traballos” e anúnciase, sen dar máis detalles, que “compensarase na cota dúas mesmos”.
Sobre este respecto pronunciouse a concelleira Popular Vanesa Dominguez: “Desdeo Partido Popular pensamos que o concello entrou en bucle coa deficiente xestión que está a facer en todas as súas áreas de goberno, e esta é unha mostra máis.
É incomprensible que pasen á cobranza as cotas de novembro para anunciar a continuación o peche das instalacións e unha compensación indeterminada para os usuarios, o cal evidencia a improvisación coas que están a actuar os responsables municipais do centro deportivo.”
E engadiu Vanesa Domínguez, “aínda que anuncian no comunicado a posibilidade de facer uso de parte das instalacións, ou ben doutras piscinas e outros centros deportivos, ésto non é aplicable aos cursos de natación -principalmente orientados a menores en idade escolar- co problema engadido para os proxenitores na difícil tarefa da conciliación, debido a que deixan aos usuarios sen alternativa para cubrir esas horas pola suspensión sine die dos cursos”.
“O grupo municipal do Partido Popular levará este asunto ao próximo Pleno para esixir explicacións por parte do alcalde con relación ás causas que motivaron o atraso dunhas obras que non se fixeron cando estaban previstas e agora teñen estas consecuencias e prexuízos sobre os usuarios. E o noso grupo preguntará tamén sobre as deficiencias de mantemento nos polideportivos como o de Mera, coa presenza crecente de numerosas pingueiras e filtracións que dificultan o seu uso para a práctica deportiva e convértenos en auténticas pistas de patinaxe”, concluíu a concelleira do PP.