Todas as persoas e entidades que desexen colaborar poden dende hoxe facer as súas achegas nos distintos centros municipais e no supermercado Froiz de Montebalado
O Concello de Brión pon en marcha por duodécimo ano consecutivo a campaña especial de Nadal de “Brión Solidario”, unha iniciativa que busca recoller alimentos para as familias máis vulnerables do municipio. Uns alimentos que deberán ser non perecedoiros e estar correctamente empaquetados, especialmente azucre, produtos de Nadal, conservas e produtos de hixiene persoal. Así mesmo, dende os Servizos Sociais de Brión lembran que tamén son ben recibidos o aceite, o leite, a pasta, o arroz ou as galletas.
A concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Rosa Romero Fariña, anima á veciñanza a participar nunha campaña que “dende hai tanto tempo vén contribuíndo a mellorar a cobertura das necesidades básicas das persoas máis desfavorecidas da nosa contorna” á vez que achega “o meu máis profundo agradecemento a todos os veciños e veciñas polo esforzo que realizades acotío para colaborar nesta e noutras iniciativas municipais solidarias”.
Todas as persoas e entidades que desexen colaborar na campaña poden dende hoxe achegar as súas doazóns nos distintos centros municipais (Casa do Concello, Casa da Cultura, Centro Social Polivalente e Biblioteca Municipal) así como no supermercado Froiz de Montebalado. Tamén existe a posibilidade de entregar un donativo en metálico ben na Tesourería Municipal do Concello de Brión ou ben a través dun ingreso na conta do Concello en Abanca de Montebalado. En ambos os dous casos, a persoa ou entidade doadora recibirá o correspondente xustificante de ingreso.