Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda, mantiveron hoxe unha reunión co presidente da Comissâo de Coordenaçâo e Desenvolvimento Regional do Norte (CCDRN), Emidio Gómes
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acompañado polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantiveron unha reunión co presidente da Comissâo de Coordenaçâo e Desenvolvimento Regional do Norte (CCDRN), Emidio Gómes, onde analizaron o estado da cooperación entre Galicia e o Norte de Portugal, onde xa teñen definido as súas prioridades, de acordo coa Comisión Europea, cuns obxectivos centrados no I+D+i, na mellora da competitividade, na protección do medio ambiente e na procura da eficiencia dos recursos.
Os representantes do goberno galego e o presidente da CCDRN, na reunión mantida hoxe na Delegación da Xunta en Vigo, fixeron un balance da labor levada a cabo pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT), con sede na cidade olívica, e que está a facer un gran traballo para fomentar a cooperación de proximidade e para achegar os beneficios desa colaboración entre Galicia e o Norte de Portugal a todos os cidadáns.
A cooperación entre ambas rexións tense plasmado no primeiro Plan de Investimentos Conxuntos da Eurorrexión, que xa está ofrendo resultados en numerosos ámbitos como a cultura, o turismo, a saúde, o deporte, a innovación ou a educación. Precisamente, no ámbito educativo está en marcha o programa de intercambio Iacobus, entre as universidades de ambos lados da raia, que se erixe coma exemplo de cooperación transfronteiriza, mediante un proxecto de mobilidade e de formación continua que une 11 institucións do Norte de Portugal e Galicia e do que se teñen beneficiado xa 331 investigadores, profesores, estudantes e persoal administrativo dun e doutro lado da fronteira,e que seguirá o vindeiro ano coma un dos eixes fundamentais desta cooperación interrexional.
Respecto, ao eido económico e empresarial, a colaboración entre ambas rexións, busca dinamizar o tecido económico e fomentar o emprendemento e a competitividade das empresas, mediante os Job Days previstos no sector das TIC e no forestal, continuando cos programas xa realizados este ano no sector do metal, no turismo e no sector agroalimentario.
Tamén no ámbito institucional se levará a cabo un esforzo, promovendo os servizos comúns para cidadáns de ambos lados da fronteira, gañando eficacia e redundando en beneficios para os cidadáns. Como sucede ao compartir instalacións e servizos, coma ocorre na xestión das emerxencias, con todo o traballo levado a cabo ao abeiro do Programa Ariem 112.
Poctep
Alfonso Rueda, trala reunión mantida entre os dirixentes de ambos lados da fronteira, fixo especial fincapé en que este vindeiro venres pechase o prazo de presentación de proxectos da primeira convocatoria, que conta cunha dotación de 190 millóns de euros de fondo FEDER, o que suporá un investimento de máis de 250 millóns de euros.
A relación entre Galicia e o norte de Portugal é un exemplo de colaboración transfronteiriza, en Bruxelas, cunha ampla traxectoria e sabendo evolucionar cara unha cooperación de segundo nivel,con beneficios palpables para os cidadáns, polo que cando se notifiquen a aprobación dos proxectos, a Eurorrexión Galicia- Norte de Portugal poderá contar con moitas iniciativas con financiamento para seguir avanzando e para seguir dando pasos adiante nun modelo xa plenamente consolidado.
Un dos apartados fundamentais para os próximos anos na cooperación entre Galicia e o Norte de Portugal é a definición dos novos proxectos ao abeiro do Poctep, dentro do novo marco orzamentario da Unión Europea 2014-2020, xa que para este período increméntase o orzamento nun 8 por cento que supera os 380 millóns de euros para toda a fronteira hispano- portuguesa.