— Esta iniciativa, enmarcada no Plan Proxecta+, conta coa colaboración activa de arredor de 230 profesores e chegará a preto de 2.300 alumnos de centros de ensino tanto rurais como urbanos de Infantil, Primaria, Secundaria e Bacharelato
— O programa vai pola quinta edición, co fin de acadar cambios de comportamento e fomentar actitudes responsables co medio ambiente desde o eido educativo, unhas aprendizaxes que despois os estudantes aplican noutros ámbitos da súa vida diaria
A Xunta de Galicia puxo en marcha este mes unha nova edición do programa educativo Escola Verde coa participación dunha vintena de centros formativos, o dobre que no curso anterior. Esta iniciativa de sensibilización ambiental, impulsada pola Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades dentro do Plan Proxecta+; vai xa pola quinta edición e conta coa intervención activa de arredor de 230 profesores para chegar a preto de 2.300 alumnos dos centros de ensino participantes.
O programa Escola Verde ten por obxectivo acadar cambios de comportamento e fomentar actitudes responsables co medio ambiente desde o eido educativo, unhas aprendizaxes que despois as alumnas e alumnos aplican noutros ámbitos da súa vida diaria. Con esta premisa, cada centro escolle unha temática sobre a que traballar durante o curso escolar para concienciar ao alumnado desde idades temperás sobre o respecto pola biodiversidade e a natureza.
Nesta quinta edición, ademais de duplicarse os centros de ensino participantes -entre os que se inclúen tanto de Educación Infantil como de Primaria, Secundaria ou Bacharelato-, incorpóranse temáticas innovadoras ou de máxima actualidade como o estudo da sostibilidade urbana, a perda da biodiversidade ou o reaproveitamento de residuos para diferentes usos. Esta diversidade de temas propostos polos centros -pertencentes tanto a localidades rurais como urbanas- leva aparellada a participación de profesorado de múltiples especialidades que van desde a química e a bioloxía ou a xeografía e historia.
O programa Escola Verde busca apoiar ás escolas que queren innovar, incluír, sistematizar e organizar accións educativas que teñen a finalidade de asumir novos retos e valores da sustentabilidade, así como conseguir cambios de comportamento e fomentar actitudes responsables co medio ambiente. Ademais invita aos centros a incorporar os valores da educación para a sustentabilidade en todos os ámbitos educativos e das familias ao tempo que se promove a participación activa da comunidade escolar na mellora do seu medio.
Esta iniciativa formativa -xunto con MeteoEscolas- é un dos programas recollidos no Plan Proxecta+, no que colaboran diferentes organismos e que está pensado para fomentar a innovación educativa nos centros, así como potenciar o traballo cooperativo, interdisciplinar e competencial.