Saturday 16 de November de 2024

‘O amor non doe’, o eixo central dos actos de Paderne para concienciar da necesaria eliminación da violencia contra a muller


 Os espectáculos culturais complementan a lectura do manifesto, a colocación da bandeira e o minuto de silencio na Casa Consistorial o sábado 25 de novembro.

‘O amor non doe’ é o eixo vertebral sobre o que o Concello de Paderne construíu a súa campaña polo Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. O goberno municipal padernés apostou por este lema para lembrar a toda a súa veciñanza a necesidade de manter relacións humanas que se sosteñan no cariño e no respecto. E sobre esta frase desenvolveu un programa cos actos do sábado 25 de novembro como punto central, pero complementado por espectáculos culturais feministas.
Desde esta mesma semana, a Casa Consitorial de Paderne ilumínase de morado cada noite para lembrar a transcendencia dos necesarios valores que se defenden no reivindicativo día.

A maiores deste xesto que continuará ata despois do 25 de novembro, o mércores 22 o edificio do Concello recibirá durante o horario escolar aos menores das escolas unitarias para ofrecerlles a representación ‘Os contos do avó: as mulleres galegas’. O narrador de espectáculos Moc Moc achegará á rapazada de forza e coraxe das mulleres galegas.

O venres 24, o Salón de actividades do Fogar do Maior acollerá o ‘Circo na casa’. A partires das 19:30 horas e con acceso de balde, o espectáculo circense achegará a toda a poboación a súa proposta por romper os roles de xénero no fogar a partires do seu humor.

Xa o sábado día 25 de novembro, o Concello de Paderne invita a toda a veciñanza a que se achegue á Casa Consistorial. Ás 12:00 horas comezará un acto solemne no que se presentará a citada campaña de ‘O amor non doe’ e lerase o manifesto contra a violencia contra a muller. Tamén intervirá a poetisa local Fina Calvo, colocase a bandeira e gardarase un minuto de silencio polas vítimas do feminicidios.
A maiores, cabe destacar que o Concello de Paderne está adherido á campaña da Deputación da Coruña ‘De Fronte’ e tamén á acción colectiva ‘En negro contra as violencias’.