Friday 22 de November de 2024

O Xeoparque Cabo Ortegal, protagonista do calendario ilustrado “San Sadurniño 2024”


Xa vai sendo tradición que, chegado o mes de decembro, o Concello de San Sadurniño agasalle á veciñanza cun calendario do ano entrante. Un detalle institucional ilustrado nos últimos anos con imaxes referidas ao territorio: paisaxes, elementos patrimoniais, actividades culturais ou deportivas…ou coma o deste ano 2023, que estivo protagonizado por varias xeracións de mulleres das sete parroquias. O almanaque de 2024 excederá por primeira vez as fronteiras municipais, incorporando fotografías non só de San Sadurniño senón tamén doutros municipios, algo pouco frecuente neste tipo de iniciativas. Porén, hai unha boa razón. E é que o protagonista do calendario vai ser o Xeoparque Cabo Ortegal, co obxectivo de mostrarlle á veciñanza recunchos moi próximos de grande beleza e un excepcional valor xeolóxico, ademais de reforzar o sentido de pertenza ao ámbito compartido polos sete concellos promotores desta iniciativa de desenvolvemento recoñecida en maio pola UNESCO.

O calendario municipal mantén a mesma liña e estrutura gráfica que todos os anteriores, cunha portada e doce páxinas máis que incorporan na parte inferior os meses, fases lunares e festivos, mentres que a metade superior vai presidida por unha fotografía de grande tamaño xunto cunha descrición e un código QR que leva directamente á localización en Google Maps dos lugares ou elementos que se mostran.

Así, nos sucesivos meses de 2024, a medida que vaiamos pasando páxinas iremos vendo sitios coma a punta dos Aguillóns, en Cariño, paraíso das rochas ecloxitas que se atopan habitualmente a 70 quilómetros de profundidade e que rara vez se poden ver e estudar na superficie terrestre. Tamén Santo André de Teixido, en Cedeira, centro milenario de peregrinación enclavado nunha contorna de materiais xeolóxicos de alto valor científico para coñecer un dos capítulos da historia do planeta -o da Oroxenia Varisca de hai 450 millóns de anos-, ademais de acubillarse á beira dos cantís de Herbeira, os máis altos da Europa continental.

O calendario propón unha viaxe polo territorio do xeoparque UNESCO achegándose, ademais, ao pasado mineiro de Cerdido e Moeche, ás galerías escavadas en Valdoviño á procura de minerais ricos en arsénico (e incluso en ouro) e tamén á espectacularidade da Ría de Ortigueira vista desde o miradoiro de Vilariño, como exemplo dos movementos tectónicos que provocaron, nun proceso de millóns de anos, que unhas zonas se elevasen e outras descendesen de nivel ata como están hoxe, asulagándose todos os días ao ritmo das mareas.

Malia que o almanaque percorre os sete municipios promotores do xeoparque, San Sadurniño garda para si un protagonismo maior. Tal é así que a metade das imaxes son do noso concello, empezando pola da portada, localizada no vértice xeodésico de Racamonde, e continuando con outras seis páxinas intercaladas con referencias locais. O Forgoselo, cos seus “bolos” graníticos -pedras fragmentadas dunha grande burbulla magmática que arrefriou hai 70 millóns de anos e que hoxe aparecen unhas dacabalo doutras-; a fractura xeolóxica As Pontes-Pedroso pola que discorre o río Castro; o patrimonio asociado ao toelo ou “pedra de Moeche”, que tamén se explotou en San Sadurniño; e incluso unha alusión ao Centro de Transformación Agroalimentaria A Fusquenlla, como exemplo de iniciativa vinculada co desenvolvemento sostible do territorio que propugnan os xeoparques da UNESCO.

O concelleiro de Desenvolvemento local, Manolo Varela, explica que o tema elixido para o calendario municipal de 2024 responde ao interese de que a veciñanza “coñeza e se sinta parte do Xeoparque, como territorio dun grande valor científico e paisaxístico, pero tamén polas oportunidades de desenvolvemento socioeconómico que ofrece, vinculando a xeoloxía co coñecemento, o turismo ou os produtos e servizos diferenzados que podemos ofrecer”.

O calendario 2024 do Concello de San Sadurniño xa está na imprenta. Agárdase que para primeiros de decembro -ou incluso antes- poida empezar a distribuírse de balde, coma todos os anos. Haberá 500 exemplares dispoñibles, que se poderán recoller na Casa do Concello, na Casa da Cultura e na maioría de establecementos comerciais do municipio.