Friday 22 de November de 2024

Medio Ambiente presentará o Catálogo das Paisaxes de Galicia o vindeiro mes de xaneiro


A conselleira de Medio Ambiente salienta que este documento forma parte do Atlas das Paisaxes de Galicia

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, recordou que a Xunta de Galicia presentará no próximo mes de xaneiro o borrador do documento final do Catálogo das Paisaxes, unha iniciativa que –xunto coas Directrices de Paisaxe- forma parte do Atlas das Paisaxes de Galicia.

Beatriz Mato abriu esta mañá a xuntanza do panel de expertos do Atlas das Paisaxes de Galicia, xunto coa directora do Instituto de Estudos do Territorio, Inés Santé, onde recordou aos asistentes que o obxectivo de protección e a posta en valor da paisaxe de Galicia é unha meta primordial que o Goberno galego se marcou e que quedou plasmada na Estratexia da Paisaxe Galega 2014-2016.

A conselleira de Medio Ambiente destacou o traballo e os avances acadados no Catálogo, entre os que destacan as Áreas de Especial Interese Paisaxístico, que constituirán a base do solo rústico de protección paisaxística, conforme ao previsto no proxecto da nova Lei do Solo. Tal e como defendeu a conselleira, “estas áreas converteranse nun dos principais instrumentos para a protección e xestión da paisaxe galega”.

Salientou todos os pasos avanzados polo Goberno galego para contribuír a recoñecer á paisaxe de Galicia como un dos principais factores de identidade e desenvolvemento do país; así como a celebración deste tipo de encontros, mesas de traballo onde se realizan suxestións e se analizan as consideracións e aportacións, como a delimitación das unidades de paisaxe ou os resultados do proceso de participación pública, que contou con talleres participativos e transversais, con concursos de fotografías, roteiros e unha plataforma web interactiva accesible a toda a poboación.

Por último, a conselleira agradeceu o traballo e as achegas dos participantes neste encontro, no que tamén se analizou a cartografía de valores paisaxísticos, que foi mellorada con respecto á versión que se enviou en setembro, posto que se incorporaron os comentarios e suxestións realizadas; e un estudo da análise de visibilidade, que incluíu un traballo conxunto coa Axencia de Turismo de Galicia para completar e mellorar a base de datos de miradoiros.