Saturday 16 de November de 2024

Familias de Oleiros comezan a mobilizarse para romper coa “tradición” de entregar un smartphone aos seus fillos e fillas ao rematar a educación primaria


Un grupo de nais e pais do colexio público Valle Inclán de Perillo comezaron a finais de xuño deste ano a seguir o exemplo de Greystones en Irlanda.

Un grupo de nais e pais do colexio Valle Inclán non queren manter a case que tradición de agasallar aos seus fillos e fillas cun teléfono intelixente ao rematar 6º curso de primaria. Neste sentido a inspiración vén da man da decisión conxunta tomada en Greystones, unha cidade irlandesa onde familias e colexios puxéronse de acordo para evitar o uso dos teléfonos móbiles en menores debido aos efectos negativos que causaban nos mesmos, como ansiedade, rendemento escolar baixo, exclusión social e en moitos casos bullying. A medida voluntaria, que non obrigatoria; de evitar o uso de móbiles nas crianzas foi aceptada pola maioría de asociacións de nais, pais e familias creando unha nova realidade na cidade: mellor rendemento escolar, redución dos niveis de ansiedade nos menores, menor presión social entre pais, nais e crianzas xa que na maioría dos casos moitos proxenitores senten que son sobreprotectores ao negarse a darlles un smartphone ao seu fillo/a ante o medo de que o/a menor quede excluído e sexa considerado o raro entre os seus iguais…

Son numerosos os expertos que comezan a explicar a cantidade de efectos negativos que ten a incorporación dun teléfono intelixente nunha etapa tan temperá do desenvolvemento (a media de idade á que as crianzas reciben o seu primeiro móbil son os 9-10 anos), polo que coa fin de dispoñer de tempo para que se formen no uso das tecnoloxías uníronse nun pacto para reducir a presión social ao respecto. Desexan que os nenos e as nenas que non dispoñan dun móbil non sexan considerados “os raros” senón que, como sempre; o proceso natural de desenvolvemento sexa respectuoso coa saúde mental das crianzas.

O grupo de pais e nais do colexio Vale Inclán está aberto a todas as familias que queiran interesarse por este proxecto e convidan a unirse a través deste enlace ao chat común https://chat.whatsapp.com/GGDh5uNr5gS2LfJ1jIHEzQ

O Concello de Oleiros apoiará sempre as medidas enfocadas a unha maior protección dos nenos e nenas a respecto da saúde mental e física, en materia de exclusión social e casos de acoso escolar como así tamén a proporcionar a axuda precisa que estea na man da entidade aos pais e nais, polo que se anima a todas as familias a interesarse por estas iniciativas.