Saturday 16 de November de 2024

Intensa actividade do CLIA de Moeche arredor do Día Internacional da Infancia


O Consello Local da Infancia e a Adolescencia de Moeche participará esta fin de semana no terceiro encontro galego dos consellos participativos infantís e participará no pleno municipal extraordinario convocado para o luns

O Consello Local da Infancia e a Adolescencia de Moeche ten cuberta durante este mes de novembro e parte de decembro unha intensa e apretada axenda de actividades, centradas por unha banda na asistencia a distintos foros para compartir coñecemento e experiencia e, por outra, na participación dos encontros programados con motivo do 20 de novembro, Día Internacional da Infancia. Os máis inminente é este sábado e domingo coa xuntanza no Carballiño de todos os consellos locais galegos para preparar o terceiro manifesto contra a violencia que se presentará o día 28 no Parlamento de Galicia. O luns, xornada sinalada pola UNICEF para reivindicar os dereitos da rapazada, a Casa do Concello acollerá ás 12:30h un pleno infantil ao que están convocados os dous grupos con representación municipal e toda a comunidade educativa do CEIP San Ramón.

O labor do CLIA de Moeche é un non parar durante todo o ano, e máis aínda neste mes de novembro en que se multiplican as accións de difusión arredor dos dereitos das nenas e nenos e da mocidade. De feito, a semana pasada o consello estivo en Segovia representado por Emily Méndez no I Encontro estatal de foros e consellos da Infancia, organizado polo Foro de Participación da Infancia e a Adolexcencia de Castela e León.

Unha reunión similiar, pero de ámbito autonómico, vai replicarse este sábado e domingo no Carballiño. Alí os consellos locais galegos celebrarán o seu terceiro encontro para debater e intercambiar experiencias. Ademais tamén terán como cometido articular e redactar o manifesto que se presentará no Parlamento de Galicia o 28 de novembro, centrado este ano na protección ante a violencia. A reunión na vila ourensá servirá tamén para distribuír as quendas de intervencións na Cámara galega, así como a orde en que as rapazas e rapaces de cada consello local exporán os argumentos saídos do traballo desta fin de semana.

A representación do CLIA de Moeche -integrada por Emily Méndez, Zeltia Pedreira, Antón Canosa e Ainoa Bustabad- regresará do Carballiño na tarde do domingo e, menos de 24 horas despois, ás 12:30h do luns, terá outra das citas importantes da súa axenda de actividades. E é que a Casa do Concello acollerá un pleno extraordinario con participación dos grupos políticos, do propio consello e da rapazada, profesorado e ANPA do CEIP San Ramón. A convocatoria cadra no Día Internacional da Infancia cunha orde do día na que as nenas e nenos presentarán o traballo realizado pola escola e polo Grupo de Participación Infantil e Adolescente arredor dos seus dereitos, plasmado ademais nun grande mural colaborativo.

V Xornada formativa Cidades Amigas da Infancia en Galicia
A última cita anual relacionada co CLIA e a participación infantil na toma de decisións da vida pública está programada para o día 13 de decembro na EGAP, en Santiago de Compostela, onde terá lugar a V Xornada Formativa Cidades Amigas da Infancia en Galicia baixo a epígrafe “Ferramentas para a implementación e mellora das políticas de infancia e adolescencia a nivel local”.

Este espazo de aprendizaxe ten como obxectivo ofrecer recursos aos gobernos locais na xestión das políticas enfocadas ás nenas e nenos, así como afondar na implementación da Lei Orgánica de protección integral á infancia e a adolescencia fronte á violencia (LOPIVI) no ámbito local.

A xornada está organizada no marco do convenio de colaboración subscrito entre UNICEF-Galicia, a Consellería de Política Social e Xuventude e a FEGAMP. Diríxese a profesionais dos gobernos locais relacionados co ámbito da infancia, como poden ser responsables de Servizos Sociais, de Educación e de calquera outra área que estea en contacto coa rapazada, a adolescencia e as súas familias.