Saturday 16 de November de 2024

O Concello inicia as obras de pavimentación das rúas do núcleo de Dor


· Esta actuación, que conta cun orzamento de 30.000 euros, pretende mellorar a seguridade viaria tanto para os peóns como para o tráfico rodado.

· Hoxe a alcaldesa, Sandra Insua, e o primeiro tenente de alcalde, Sergio Caamaño, realizaron a acta de replanteo das obras.

O Concello de Camariñas dará comezo nos próximos días ás obras de pavimentación das rúas que integran o núcleo de Dor, na parroquia da Ponte do Porto, unha actuación que conta cun orzamento total de 30.000 euros.

Hoxe a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, e o primeiro tenente de alcalde, Sergio Caamaño, realizaron a acta de replanteo previa ao inicio das obras.

O proxecto ten o obxectivo de mellorar a seguridade viaria na zona, tanto para os peóns como para o tráfico rodado, xa que actualmente as vías deste núcleo presentan fochancas, gretas, ou afundimentos. Os traballos que se levarán a cabo inclúen a pavimentación con aglomerado asfáltico destes tramos. O prazo previsto de execución é de 6 meses.