Saturday 16 de November de 2024

Aberta a inscrición para o contacontos “A historia en feminino” que abrirá a programación do 25N en Neda


A actividade infantil terá lugar o martes pola tarde na biblioteca

O Concello de Neda abre o prazo de inscrición para o contacontos infantil co que arranca este martes na biblioteca municipal a programación especial con motivo do 25N Día Internacional contra a violencia de xénero. Trátase dunha proposta de Lisístrata Asociación que leva por título “A historia en feminino”.

A iniciativa, que recala na vila o día 22, a partir das 18.30 horas, brindará aos máis pequenos da casa a oportunidade de achegarse ás figuras dalgunhas das moitas mulleres sobresaíntes, cuxas historias foron invisibilizadas. Da man de Ana Hermida, e a través de contos e máis de xogos, os nenos e nenas nedenses familiarizaranse con referentes femininos (científicas, aventureiras, escritoras, deportistas…)

As nais e pais queiran que os seus fillos/as maiores de cinco anos asistan a este espectáculo, pensado para desfrutar en familia, deberán anotalos chamando ao teléfono 981 390 233. As prazas para esta actividade, incluída na Rede Cultural da Deputación da Coruña, son limitadas.

O contacontos inaugura a programación conmemorativa do 25 N en Neda que, desta volta, fai unha forte pola sensibilización da xente máis nova en materia de igualdade de oportunidades e de concienciación fronte ás distintas formas de violencia machista.