O Centro Municipal de Empresas de San Sadurniño, situado enriba da Escola Infantil Municipal A Rolada, conta con 13 espazos destinados a pequenas empresas e persoas autónomas. Na actualidade están asignadas a maioría das súas oficinas, nas que atopamos servizos audiovisuais, drons e tecnoloxía, asesoramento agrogandeiro, logopedia, fontanaría, construción, servizos de avogacía, etc. Os espazos están asignados practicamente todos, agás unha oficina de 8,5 metros cadrados que as empresas, persoas autónomas ou entidades sen fins de lucro que estean interesadas poden solicitar en calquera momento. Para obter máis información sobre o procedemento (definido no Regulamento R11) pódese contactar co Técnico de Desenvolvemento Local no 695 876 068 ou 981 490 027.
Os locais do CME adxudícanse por un período inicial de dous anos prorrogables posteriormente de ano en ano. Aínda que boa parte das empresas e persoas autónomas que o ocupan son as mesmas que nos seus inicios, cada certo tempo quedan locais baleiros aos que se pode acceder presentando a correspondente petición.
O período para solicitar unha oficina está aberto durante todo o ano e cómpre achegar, entre outros documentos, a alta na Seguridade Social -ou escrituras da sociedade- e unha descrición pormenorizada da actividade que se vaia desenvolver e que, en calquera caso, debe axustarse ás características das instalacións.
En base a esta solicitude faise unha valoración de ata nove parámetros -nº de empregos creados, oferta innovadora ou que non exista en San Sadurniño, iniciativas que estean empezando, etc.- cos que se poden obter ata 100 puntos. De acordo coa puntuación acadada, faise unha proposta de asignación dos locais e unha lista de agarda para futuras incorporacións a medida que vaian quedando libres.
Xa desde a súa entrada en funcionamento, aló polo 2017, o centro rexistrou numerosas solicitudes ás que se lles foi dando resposta nunha primeira asignación de locais e tamén posteriormente, segundo os criterios establecidos no regulamento, tan pronto como foi habendo locais dispoñibles.
Na adxudicación máis recente accederon ao CME as firmas S&P Sistemas de Ventilación S.L.U e Marvefor S.L. -servizos forestais e transportes-, ademais do autónomo Juan Penabad, que ofrecerá servizos de asesoramento catastral e de procedementos coas Administracións Públicas. Estas empresas ocuparán os cadanseu local durante estes días para iniciar de inmediato a súa actividade no centro, sumándose ás que xa veñen desenvolvéndoa con anterioridade.
Polo tanto quedaría libre un só local, o Nº6, de 8,5 metros cadrados. Se algunha persoa emprendedora ou empresa ten interese en ocupalo pode informarse contactando co Técnico de Desenvolvemento Local, Roberto Lindín, nos teléfonos 695 876 068 ou 981 490 027.