Friday 22 de November de 2024

O Concello conmemora o 40 aniversario do Consello da Cultura Galega cun concerto especial da Orquestra Sinfónica de Galicia


O Quiosco Alfonso acollerá desde o martes 21 a mostra ‘Monserrat’, que relata a memoria emocional da emigración

O Concello da Coruña conmemorará o 40 aniversario do Consello da Cultura Galega organizando un concerto especial da Orquestra Sinfónica de Galicia. Será parte dos actos que conmemoran dita efeméride.

A actuación terá lugar o venres 24 de novembro no Palacio da Ópera. O concerto conmemorativo do 40º aniversario do Consello da Cultura Galega intégrase dentro do programa de abono da Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG). No concerto, dirixido por Víctor Pablo Pérez, estrearase ‘Terra’, cantata para solista, coro e orquestra, elaborada expresamente para a ocasión polo recoñecido compositor galego Juan Durán sobre textos de Ramón Cabanillas. O concerto contará co coro da OSG, dirixido por Carlos Mena e Javier Fajardo, e co barítono Javier Franco. O programa inclúe tamén a Sinfonía nº 3 en mi bemol maior, op. 97 «Renana» de Robert Schumann.

Por outra banda, o Goberno de Inés Rey colabora co Consello da Cultura Galega tamén na exposición que se inaugurará o vindeiro martes 21 de novembro no Quiosco Alfonso e que leva por nome ‘Monserrat. Memoria emocional da emigración galega ao Reino Unido’. O escritor e xornalista Xesús Fraga é o comisario deste proxecto, que relata a través de obxectos e outros documentos as historias dos seus protagonistas.

O ‘Monserrat’ e o seu xemelgo ‘Begoña’ foron dous barcos da compañía transatlántica que fixeron as travesías entre Galicia e o Reino Unido, un itinerario polo que entre 1960 e 1974 se trasladaron uns 240 000 galegos e galegas. O primeiro dos barcos dálle nome á exposición, que traza, desde outro punto de vista, un dos fluxos migratorios menos visibilizados da emigración galega. Desta volta, son os seus protagonistas os que nos contan aquelas viaxes entre os portos galegos e británicos a través de fotografías, filmacións, documentos e obxectos náuticos e cotiáns, xunto con outros materiais. É a memoria emocional de varias xeracións que cambiaron o rumbo das súas vidas e, con elas, tamén o do seu país. A mostra estará aberta ata o día 14 de xaneiro.