Membros do equipo de goberno trasladáronse hoxe a Corrubedo para apoiar a que foi a última manifestación da veciñanza para solicitar un médico a tempo completo para o Centro de Saúde da parroquia. Despois de un ano, a Plataforma de Afectados polos recortes médicos en Corrubedo, viu satisfeita a súa demanda de contar con servizo médico tódolos días a tempo completo e co mesmo persoal facultativo.
Dende a Plataforma solicitan o compromiso por parte da Xerencia de Xestión de Atención Primaria para manter a situación. Tamén piden a reorganización do servizo parta mandar ao Centro de Saúde as cartillas de aqueles veciños que nos últimos anos marcharon ao Centro de Saúde de Ribeira pola mala atención que se recibía na parroquia.
O concelleiro de Sanidade, Juan Luis Furones, felicitou á veciñanza e agradeceu a súa loita que foi “esencial para acadar o dereito que debe garantir a Lei Xeral de Sanidade”. O equipo de goberno municipal estivo apoiando e acompañando á veciñanza tódolos xoves a manifestarse en Corrubedo, como tamén o facían dende a oposición.
O alcalde, pola súa parte, afirmou que dende o Concello estarán “vixiantes para que dende o Sergas non se volva a dar un paso atrás no servizo sanitario” e solicitou que dende a Consellería de Sanidade se “atenda ás reivindicacións de todo o Concello para dotar de máis profesionais médicos e novas instalacións para dar un servizo de calidade a tódolos pacientes”. Asimesmo, instou á Consellería a que reconsidere a “esixencia de ter tantos metros cadrados no centro” xa que segunodo explica, non existe tal espazo con boa conexión co transporte público. “A nosa máxima é que o Centro de Saúde lle dea unha prestación de calidade a tódolos veciños e que estea ben conectado co transporte público” concluiu.