Friday 22 de November de 2024

A piscina da Gándara acollerá este sábado a cuarta edición do “Programa Amazonas”


O concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, presentou hoxe xunto con Javier Campos, presidente da Federación Galega de Tríatlon e Arantxa Rivas, do Club Náutico Narón, a cuarta edición do Programa Amazonas, impulsado pola Fegatri en colaboración co Concello, a Xunta de Galicia e a Federación Española de Triatlón (Fetri). A cita deportiva terá lugar este sábado na piscina do pavillón polideportivo da Gándara.

O edil naronés indicou que participarán na convocatoria vinte e cinco mulleres, ao estar dirixida a deportistas femininas das categorías infantil, cadete e xuvenil e tamén a adestradoras con licenza Fegatri. O encontro comezará ás 16:30 horas e o remate está previsto para as 18:30 horas. As participantes poderán traballar, tal e como se indicou dende a organización, aspectos técnicos e tácticos, carreira a pé e natación.

O presidente da Fegatri agradeceu “o apoio do Concello de Narón ao deporte feminino”.
Así mesmo, Santalla destacou o gran número de deportistas da cidade que practican a día de hoxe diferentes modalidades deportivas e tamén valorou ás adestradoras e directivas de entidades deportivas “que a día de hoxe contribúen a enriquecer o tecido deportivo da nosa cidade”.