As persoas interesadas poderán formalizar a súa participación ata o 26 de decembro na app ou na páxina web e ata o 21 de decembro en El Corte Inglés
As persoas atletas con can poderán participar este ano na Cansilvestre, gran novidade, limitada a 100 participantes
A San Silvestre Coruña regresa ás rúas da cidade na súa 14 edición con grandes novidades, como a Cansilvestre permitíndolle aos corredores participar cos seus cans por primeira vez na historia da proba. A carreira terá lugar o día 31 de decembro nesta ocasión en horario de mañá. O Goberno de Inés Rey volve apostar por unha das probas máis lúdicas e masivas do extenso calendario anual de carreiras que ofrece o Concello, a través da súa Concellaría de Deportes.
O prazo de inscrición xa está aberto e estenderase ata as 23.59 horas do 26 de decembro de 2023, ou ata que se esgoten os dorsais dispoñibles (4.500 dorsais da proba absoluta/andaina, 200 das probas infantís, 100 da marcha nórdica e 100 da CanSilvestre). Os interesados poderán anotarse a través da APP oficial gratuíta (San Silvestre Coruña), as webs www.sansilvescoruna.com e www.championchipnorte.com, ou de forma presencial en El Corte Inglés (rúa Ramón y Cajal, 57), ata o 21 de decembro de 2023 ou ata esgotar os dorsais dispoñibles.
Cansilvestre
Este ano estréase a Cansilvestre, unha nova modalidade especial que lles permitirá aos atletas participar xunto as súas marcotas, o que busca facer a carreira aínda máis especial.
A cota da Cansilvestre está limitada a 100 participacións. Esta categoría súmase ao resto de modalidades da San Silvestre Coruña que xa conta cun amplo abano de categorías, incluíndo infantís, absolutas, diversidade funcional, disfraces, empresas e marcha nórdica.
Outra novidade é que baixa a idade de participación engadindo unha nova categoría infantil para nenos de 5 e 6 anos. O último cambio significativo nas modalidades é que os atletas con diversidade funcional contarán con tres categorías específicas, obtendo en todas elas agasallo.
A carreira terá lugar o domingo 31 de decembro en horario de mañá, a partir das 10.30 horas.
As saídas infantís serán ás 10.30, 10.45 e 11.00 horas, respectivamente. A saída absoluta será ás 11.30 horas, seguindo a seguinte orde: Caixón A (participantes con tempos inferiores a 31 minutos), caixón B, Marcha Nórdica, andaina e ao final, a CanSilvestre.
Vertente Solidaria
A San Silvestre Coruña, que conta co apoio do Concello da Coruña, reafirma o seu compromiso solidario nesta edición. Ademais de ser unha experiencia deportiva única, a carreira será un evento solidario coa recollida de alimentos non perecedoiros para a Cociña Económica. Os participantes e a comunidade en xeral están convidados a contribuír e marcar a diferenza para aqueles que máis o necesitan nesta tempada do Nadal.
Outra iniciativa solidaria destacada é a participación no proxecto “Reis Magos de verdade”. A San Silvestre Coruña únese de novo a esta causa, recollendo cartas escritas por nenos, nenas e maiores en situacións desfavorecidas. Aquelas persoas que desexen converterse en Paxes das súas Maxestades de Oriente e levar alegría a lugares necesitados poden rexistrarse en www.reyesmagosdeverdad.org.